Sonia Méndez denuncia que a nova Lei de administracións locais, aprobada por Rajoy, causará estragos nas persoas máis prexudicadas pola crise
O Concello de Lugo volcouse nas políticas de emprego e de axuda aos autónomos dada a parálise absoluta da Xunta e agora o PP deixa sen competencias aos concellos
A Concelleira de Economía, Emprendemento e Autónomos, Sonia Méndez, denunciou hoxe que, coa entrada en vigor da nova Lei de administracións locais, os concellos non poden seguir exercendo o labor de fomento do emprego e da actividade emprendedora sen contar previamente con autorización da Xunta de Galicia, dacordo co ditame xurídico emitido pola Federación Española de Municipios e Provincias.
Por estes motivos, Sonia Méndez esixiu a derogación da nova Lei de administracións locais, que lle impide ao Concello de Lugo desenvolver, como viña facendo ata agora, programas de emprego e de fomento do emprendemento, dos que se benefician parados, autónomos e emprendedores e que van quedar supeditados a que a Xunta de Galicia lle dea permiso ao Goberno Local, aínda que estes programas se desenvolvan con cartos do municipio.
Sonia Méndez remarcou que foi a parálise absoluta da Xunta do Partido Popular a que levou ao Concello de Lugo a asumir funcións en materia de fomento do emprego, igual que de educación ou de servizos sociais, polo que puxo en dúbida que agora a Xunta vaia asumir algunha destas competencias e a pesar delo segundo o Partido Popular, un Concello non pode xestionar un viveiro de empresas, un centro de orientación laboral, dar axudas aos autónomos, nin prestar asesoramento ás persoas desempregadas.
Se queremos seguir desempeñando as competencias en materia de emprego, absolutamente necesarias nun momento no que o paro non deixa de medrar temos que pedir permiso da Xunta de Galicia, que se tomará o seu tempo para concedelo ou mesmo nin contestará.
A parálise da Xunta e a prohibición do PP
Neste asunto, no que a Xunta ten un papel fundamental, como sempre nin está nin se lle espera, e a pesar de coñecer esta nova Lei non tomou ningunha iniciativa nin convocou aos concellos para dicirnos que procedemento debemos seguir e mesmo segue a sacar convocatorias, como a de axentes de emprego, para os concellos que non podemos exercer estas competencias, iso si financiando só o 29%, explicou a Concelleira de Economía.
Por iso, remarcou Sonia Méndez, mentres o Partido Popular, dende o Goberno de España prohibe aos concellos contratar persoal e asumir estas competencias e dende a Xunta financia só o 29%, hai que ter cara para que o Partido Popular de Lugo saia a botarlle a culpa ao Concello de que non teñamos axentes de emprego, cando dispoñemos dos medios para asumir a cofinanciación, pero non podemos incumprir as leis do Partido Popular, que nos prohiben contratar persoal e exercer estas competencias.
Recurso de inconstitucionalidade
Sonia Méndez tamén anunciou que o Concello de Lugo solicitará de inmediato á Xunta que se pronuncie sobre como debemos proceder e pedirá os informes preceptivos para poder axudar aos parados e emprendedores e tamén anunciou que o Partido Socialista está a preparar un recurso de inconstitucionalidade contra a nova Lei de Administracións Locais, por considerar que vulnera a autonomía local, recoñecida pola Constitución e tamén pola Unión Europea.