O Alcalde e o Presidente da Deputación pedirán por escrito ó Presidente da Xunta que o Goberno galego non siga pasivo ante o risco de destrución de máis postos de traballo e ínstano a defender un sector vital para a economía de Galicia
O Pleno do Concello de Lugo xa aprobou unha moción o luns, que apoiaron o PSOE e o BNG e rexeitou o Partido Popular
O Alcalde de Lugo, José López Orozco, e o Presidente da Deputación provincial, José Ramón Gómez Besteiro, reuníronse hoxe cos representantes traballadores de Alimentos Lácteos que hoxe realizaron unha marcha a pé dende a fábrica de Outeiro de Rei ata Lugo para protestar pola difícil situación na que se atopan e a falta de resposta da Xunta de Galicia.
O Alcalde e o Presidente da Deputación expresáronlles o apoio das dúas institucións ós traballadores, que levan máis de dous meses agardando sen saber se a planta volverá funcionar ou se acabará presentándose un concurso de acreedores, algo que podería producirse a finais deste mes se a Xunta non toma cartas no asunto.
O Alcalde manifestou, trala xuntanza, que é urxente que a Xunta apoie este proxecto, que é moi importante para Lugo, para a provincia e o conxunto de Galicia.
A Xunta non pode poñerse da parte de atrás, ten que dar a cara, porque éste é un proxecto viable, que pode dar beneficios en dous ou tres anos, e non podemos deixar que morra, declarou o Alcalde.
López Orozco tamén expresou o seu agradecemento, como Alcalde, ós traballadores por este esforzo que están a facer na defensa dos seus empregos e, tamén, dunha industria que favorece ás cooperativas da provincia nun sector que de gran importancia para a nosa economía.
Ademais, anunciou que na reunión tanto o Alcalde como o Presidente da Deputación comprometémonos a mandarlle un escrito ó Presidente da Xunta, para explicarlle a situación e pedirlle que interveña e comprometémonos, asimesmo, a que nos vindeiros Plenos se presentarán proposicións na defensa do sector lácteo e dos traballadores.
Primeiro fiasco de Feijóo
Pola súa parte, o Presidente da Deputación destacou que o Presidente da Xunta debe respostar se está comprometido con este proxecto tan importante para a Galicia interior, que parece que non existe para o Goberno galego.
Gómez Besteiro asegurou que Alimentos Lácteos é o primeiro gran fiasco do Presidente da Xunta e non lle vai poder botar a culpa a ninguén, nin ó bipartito, nin a Zapatero, nin a Kennedy nin a Nixon porque foi el quen optou, hai tres anos por unha solución criticada por todos.
Destacou tamén que a Xunta é responsable desta situación e agora ten que respostar polos cartos públicos que se puxeron e polas perdas que orixinou a xestión pública deste proxecto e agora o tempo esgótase e non se pode dar a espantada.
Os representantes dos traballadores, que viven momentos de grande incerteza respecto de cal será o futuro da empresa e dos seus empregos mentres agardan dende hai máis de dous meses unha resposta da Xunta, agradeceron ó Alcalde de Lugo e ó Presidente da Deputación provincial que os recibiran e os apoiaran.
Apoio do Pleno do Concello de Lugo
Esta mesma semana o Pleno do Concello de Lugo xa aprobou unha moción na defensa de Alimentos Lácteos, que recibiu os votos a favor do PSOE e do BNG mentres que o Partido Popular votou en contra da iniciativa.