O Concello de Lugo lamenta que o Executivo ferrolá empregara a imaxe da humanización da rúa Montevideo para simular unha actuación local

A portavoz do Goberno explica que a gráfica formaba parte da proposta que acompañoucandidatura lucense aos fondos europeos nos que obtivo a financiación do Corazón Verde.

Paula Alvarellos evidenciou as contradicións do Partido Popular que “en Lugo critica as obras municipais e logo as emprega como referente para ilustrar proxectos propios”.

A voceira afirmou que “isto demostra que Lugo está a ser exemplo en materia de urbanismo sostible”.

O Executivo de Lara Méndez trasladaba hoxe a súa estrañeza polo feito de que o Concello de Ferrol tivera empregado para facer pasar por propia unha gráfica que ilustra o estado que terá a rúa Montevideo trala súa humanización, unha vez rematen os traballos de peonalización que se están executando no Centro Histórico ao abeiro da estrateixa Lugo: Corazón Verde.

A voceira municipal, Paula Alvarellos, lamentou as formas da admininstración ferrolá “que nin comunicou, nin moito menos pediu permiso para empregar unha imaxe que foi elaborada por unha empresa contratada polo Concello de Lugo para ilustrar a proposta municipal coa que se concurríu aos fondos europeos para obter a financiación do proxecto”.

“Entendemos que a cidadanía ferrolá se poida sentir enganada por este proceder que denota, alén dunha mala praxe, unha importante falta de transparencia, porque non só foi utilizada como acompañamento gráfico nunha rolda de prensa e nos encontros coa veciñanza, senón que tamén se difundiu a través das redes sociais incidindo na falsidade”.

A tenenta de alcaldesa deslizou tamén as contradicións do Partido Popular que “no municipio de Lugo critican canta actuación promove a institución local – en alusión ao Impulso Verde, a rexeneración proposta para a Milagrosa e barrio Feijoo, ou as propias obras do recinto amurallado – pero logo exportan as ideas do Goberno lucense ás intervencións que poñen en marcha nos organismos que dirixen. O que demostra, en todo caso, que Lugo está a ser referente en materia de urbanismo sostible”, concluíu a portavoz.