Os datos elaborados pola Axencia Tributaria de Madrid poñen de manifesto que Jaime Castiñeira minte descaradamente cando di que o Concello de Lugo ten o IBI máis caro de Galicia

O Portavoz Socialista, Luis Álvarez, explicou que Lugo é o concello co Imposto sobre Bens e Inmobles (IBI) máis baixo de Galicia e o sétimo máis baixo de España segundo o indica o ránking tributario dos concellos españois de 2013 elaborado pola Axencia Tributaria do Concello de Madrid. Estes datos veñen a poñer de manifesto que o voceiro do Partido Popular no Concello de Lugo, Jaime Castiñeira, minte descaradamente cando di que o Concello de Lugo ten o IBI máis caro de Galicia.

Luis Álvarez sinalou que “o señor Castiñeira leva sempre unha política de desinformación en canto aos números do Concello e, unha vez máis, axentes externos e do seu mesmo partido volven a confirmar os datos que nós damos”. “No PP non se cansan de dicir que o IBI de Lugo é o máis caro de Galicia, de España, da Unión Europea e posiblemente da Vía Láctea pero amósase con claridade os datos reais e que Lugo é o máis barato de Galicia” segundo Álvarez.

O Concello de Lugo leva varios anos co IBI conxelado nunca época de dificultades económicas e no que o Goberno do Estado incrementou os impostos, ademais as familias de Lugo xa están sufrindo moito por culpa dos repagos que lles impoñen os gobernos do PP na Xunta e no Estado, mentres que aos pais, ademais da subida dos comedores escolares, retíranlles as becas e as axudas para mercar os libros de texto. A todo isto hai que sumarlle dende o mes de xaneiro o céntimo sanitario no prezo do combustible, o aumento do recibo da luz…

Tamén compre recordar que Jaime Castiñeira votou no Pleno do Concello de Lugo en contra da conxelación de impostos municipais que propuxera o Goberno Local, tendo en conta as dificultades económicas neste tempo de crise. E só unhas semanas despois Castiñeira apoiou co seu voto no Parlamento galego unha importante suba do 34% na taxa do lixo que pagan os veciños e veciñas a Sogama.

Ante esta situación, a proposta do Goberno Municipal socialista de Lugo ademais de conxelar a carga impositiva aos contribuíntes, mantiña bonificacións ás familias numerosas, aos vehículos ecolóxicos, ás obras de rehabilitación e incentivos para a creación de emprego.