Sonia Méndez destaca que, neste momento de crise, o Concello bota man de imaxinación e traballo para dinamizar a economía e crear emprego na cidade
A Concelleira de Economía tamén dixo que este ano os fondos da Unión Europea, o Concello e a Deputación permitirán rehabilitar o Vello Cárcere e crear o Edificio de Novas Tecnoloxías
A Concelleira de Economía, Sonia Méndez, informou hoxe de que o Concello leva investidos 2,3 millóns de euros en actuacións de revalorización do espazo público e novas dotacións no casco histórico, grazas ó Plan Urban, que se financia con fondos FEDER da Unión Europea, do Concello de Lugo e da Deputación provincial. A ese investimento hai que engadir máis de medio millón de euros en axudas destinadas a apoiar o comercio, a hostalería e a creación de empresas no casco histórico.
Estamos orgullosos do traballo realizado, fíxose nunha época de crise, pero con imaxinación, esforzo e gañas de que a nosa cidade mellore, fomos quen de conseguir estas inicitivas que dinamizan a economía, xeneran emprego e benefician ás pequenas empresas, salientou Sonia Méndez na presentación deste balance.
Tamén destacou a Concelleira de Economía a complicidade dos comerciantes e veciños e dixo que estes logros son froito desta complicidade entre os lucenses e o Goberno local e remarcou que non queremos estar no furgón de cola, que a nosa cidade se quede atrás, por iso o Goberno local tomou a determinación de ser a máquina que tire da cidade e mantemos a aspiración de mellorar a pesares das dificultades económicas. Para este ano, Sonia Méndez destacou como principais actuacións do Plan Urban, que financian a Unión Europea, o Concello e a Deputación, a rehabilitación do Vello Cárcere para convertilo nun Centro cultural, e a creación, na ampliación da Casa do Concello, dun Edificio de Novas Tecnoloxías para o pequeno comercio.
Con este investimento fixéronse proxectos como a reurbanización das prazas de San Marcos e do Cantiño, a restauración e musealización da piscina romana de Santa María e do acueducto romano de San Marcos, a repavimentación e canalizacións na Rúa Nova, a instalación dun área de xogos infantiles no paseo interior da Muralla, a instalación do sistema SAE de axuda á explotación dos autobuses urbanos e a sinalización turística e de elementos culturais. Estas actuacións permitiron rehabilitar unha superficie de máis de 9.500 metros cadrados de solo e deron traballo a máis de 100 persoas.
Tamén se beneficiaron do Plan Urban 201 establecementos de comercio e hostalería que recibiron axudas por importe de 418.500 euros coas que se logrou realizar un investimento total de 725.000 euros. Estas achegas permitiron a creación de 14 novas empresas e dun total de 39 postos de traballo, 20 dos cales foron para a contratación de parados de longa duración. O investimento subvencionable neste capítulo supera os 340.000 euros e a axuda concedida foi de case 112.000 euros.
Tamén se apoiou a venda de produtos autótonos coa entrega de 1.576 embalaxes para a venda de produtos autótonos que se distribuiron entre 10 establecementos, 6 deles instalados no Mercado e a Praza de Abastos.
O Plan Urban tamén ten un programa de formación ocupacional do que se beneficiaron 21 persoas que están no paro. As actuacións executadas programáronse intentando aproveitar as oportunidades de emprego que ofrecen outros proxectos do Urban, polo que se programaron cursos de carpinteiría e de canteiría.
A Concelleira de Economía lembrou tamén os recoñecementos nacionais que leva recibido o Concello de Lugo polo traballo feito na xestión do Plan Urban. Así, o Ministerio de Economía e Facenda destacou como boa práctica de comunicación en 2009 a labor de difusión que se fixo entre os comerciantes das axudas a locales de negocio e en 2010 o traballo desenvolvido con todas as entidades públicas e privadas (institucións, empresas e veciños) coas que se coordinou o traballo de reurbanización da praza de San Marcos e os xardíns da Deputación. Tamén o Ministerio de Industria lle otorgou ó Concello de Lugo o premio nacional de comercio na súa modalidade de concellos polo labor desenrolado nos tres últimos anos en apoio ó comercio do casco histórico.