A Concelleira de Economía acusa a Feijóo de enganar ó Ministerio de Economía e pregúntalle a Jaime Castiñeira qué opina de que a Xunta retrasara a 2011 facturas do ano anterior
Sonia Méndez lembra que a Xunta segue sen pagar 1,9 millóns de euros que adebeda ó Concello de Lugo
A Concelleira de Economía, Sonia Méndez, destacou hoxe que o Consello de Contas vén de confirmar as denuncias feitas polo Concello de Lugo respecto do déficit oculto da Xunta de Galicia.
Méndez manifestou que o Goberno local congratúlase de que, por fin, un informe oficial avale as denuncias que temos feito, en referencia a un informe oficial do Consello de Contas de Galicia feito público polos medios de comunicación, segundo o cal a Xunta de Galicia ocultou 400 millóns de euros de déficit do ano 2010 facendo un traslado irregular de facturas a 2011.
Dacordo co informe do Consello de Contas, Feijóo ocultou 400 millóns de euros de déficit en 2010, xa que a Xunta desplazou de xeito irregular 411 millóns en facturas mal contabilizadas.
Un informe oficial vén recoñecer o que tantas veces denunciamos dende o Goberno local porque o Concello de Lugo é vítima da política de pagos do señor Feijóo, declarou a Concelleira de Economía quen recordou que só a Consellería de Sanidade adebeda ó Concello 1 millón de euros do Imposto de Bens Inmobles e a débeda total da Xunta con Lugo ascende a 1,9 millóns de euros.
Sonia Méndez manifestou tamén que Feijóo enganou ó Ministerio de Economía e ós galegos xa que, se a Xunta non trasladara eses pagos para o ano seguinte, Galicia sería unha das Comunidades Autónomas con máis déficit de España.
A Concelleira de Economía reclamou, ademais, un pronunciamento sobre este asunto do Voceiro municipal e candidato número 2 do PP pola provincia de Lugo, Jaime Castiñeira. Gustarianos saber a opinión de Castiñeira sobre o feito de que o candidato á Presidencia da Xunta polo Partido Popular ocultara 400 millóns para ter un bó dato de déficit, pediu Méndez.
A Concelleira Méndez deixou claro que o Concello insiste en cobrar o que lle debe a Xunta e dixo que denunciaremos unha e outra vez este feito, porque os lucenses somos vítimas da política de pagos falsa e mentirosa que fai o señor Feijóo e, unha vez máis, reivindicamos que se pague a Lugo o que se lle debe.