Esta é unha das graves consecuencias das políticas impulsadas polo Executivo de Rajoy, quen emprega a Fiscalía como instrumento ao servizo dos intereses do Goberno e do PP, afirmou Ricardo Varela
Por iso, consideran que o Sr. Gallardón pasará á historia como o peor ministro de España, xa que capitalizou unha etapa negra e ultraconservadora, baseada na manipulación da Xustiza e do papel da Fiscalía en función dos intereses do Goberno, pois este dereito deixou de ser igual para todos; expulsa a capas da poboación da tutela xudicial efectiva; politiza ata a náusea os órganos de dirección e desapareceron os consensos básicos
Trala retirada do anteproxecto de Lei de contrarreforma do aborto e a dimisión do ex Ministro de Xustiza, Pérez Herraiz subliña que o novo responsable deste Ministerio ten tres tarefas pendentes e urxentes: a derogación da Lei de Taxas Xudiciais, a retirada do Proxecto de Lei de Asistencia Xurídica Gratuíta e a renuncia á proposta sobre desaparición de Partidos Xudiciais
A deputada no Congreso Margarita Pérez Herraiz- e o senador por Lugo Ricardo Varela- denunciaron este venres que o encarecemento da Xustiza impulsado polo Goberno Central terá graves consecuencias para a provincia de Lugo. Concretamente, provocará, entre outras cuestións, que o número de demandas en Xustiza gratuíta descenda este ano un 15%, ou o que é o mesmo, uns 800 menos que en 2013; exercicio no que os casos acenderon a 5.174.
Este é tan só un dos prexuízos das políticas impulsadas polo Executivo de Rajoy, quen emprega a Fiscalía como instrumento ao servizo dos intereses do Goberno e do PP, e que debe ser reparado polo novo Ministro de Xustiza, pois o anterior marchouse pero deixou tres cadaleitos debaixo da alfombra e, un cuarto, a Lei do aborto medio soterrado porque aínda quedan cuestións que a dereita e o Executivo están tratando de modificar por intereses puramente electorais, afirmou Ricardo Varela.
Deste xeito, os socialistas agardan que, trala retirada do anteproxecto de Lei de contrarreforma do aborto e a dimisión de Gallardón, o novo responsable deste Ministerio dea unha solución urxente aos asuntos que deixou pendentes o seu antecesor no cargo, e que pasan pola derogación da Lei de Taxas Xudiciais, a retirada do Proxecto de Lei de Asistencia Xurídica Gratuíta e a renuncia á proposta sobre desaparición de Partidos Xudiciais, incluída nos anteproxectos de Lei Orgánica do Poder Xudicial e de Planta e Demarcación Xudicial.
Todas elas, apuntou Herraiz, son medidas postas en marcha polo anterior Ministro, e que o novo titular debe retirar por inxustas e favorecedoras da desigualdade no acceso dos cidadáns á Xustiza. E é que, tal e como explicou Ricardo Varela, o Sr. Gallardón pasará á historia como o peor ministro de España, ao capitalizar unha etapa negra e ultraconservadora, baseada na manipulación da Xustiza e do papel da Fiscalía en función dos intereses do Goberno. Este dereito deixou de ser igual para todos; expulsa a capas da poboación da tutela xudicial efectiva; politiza ata a náusea os órganos de dirección; anula o diálogo con todos os colectivos e corpos da Xustiza, enfrontándose a todos eles: xuíces, fiscais, procuradores….; e desapareceron os consensos básicos, indicou.
Taxas xudiciais
No que se refire ás taxas xudiciais, explicaron que, o pasado 23 de setembro, foi rexeitada no Pleno do Congreso a Proposición de Lei do Grupo Parlamentario Socialista que pretendía derogar as taxas xudiciais establecidas pola Lei 10/2012, de 20 de novembro. A proposición foi votada en contra exclusivamente polo PP, sendo apoiada por todos os demais grupos parlamentarios.
A normativa existente estende o campo de aplicación da taxa xudicial tanto ás persoas físicas como xurídicas e a case a totalidade de ordes xurisdicionais, ao tempo que recolle unhas contías absolutamente inxustificadas e fixa unhas cotas desproporcionadas en relación cos niveis salariais que, en moitos casos, son superiores ao valor da reclamación.
Con este sistema, engadiu Herraiz, resulta extraordinariamente gravoso, disuasorio e case impeditivo acudir aos tribunais. Se lle poñemos cifras ao estamos falando, temos que antes de acudir a eles, o que fan as persoas, xa non é valorar se cren que a Xustiza ten que amparalos, senón que sacan a calculadora e fan contas nas súas lastradas economías familiares. E é que, pagar 168 euros por divorciarse se non hai acordo ou 500 por recorrer un despedimento resulta inasumible para moitos cidadáns.
Con esta Lei, prodúcese, por tanto, un dos maiores recortes de dereitos levado a cabo polo Goberno neste mandato. Con ela, víronse afectados especialmente os dereitos dos cidadáns, porque dificulta o acceso á Xustiza por razóns económicas. É tamén, en palabras da deputada no Congreso, un dos maiores factores de desigualdade que promoveu o Goberno de Mariano Rajoy, xa que reserva a posibilidade de acceso a quenes teñen capacidade económica para afrontar o pago destas taxa. Por todo elo, os socialistas lembraron que xa presentaron recursos de inconstitucionalidade.
Asistencia xurídica gratuíta
A asistencia xurídica gratuíta é para Ricardo Varela un eufemismo que oculta a inxustiza de pago; un novo ataque aos dereitos fundamentais e constitucionais dos cidadáns, pois deixa fóra aos inmigrantes, endurece as condicións económicas para acceder a ela e limita o número de pleitos aos que poden asistir os cidadáns cada ano.
Así permite que, cos novos importes, se prexudique ás unidades familiares cunha soa persoa. Asimesmo, tamén endurece a tramitación, impoñendo condicións de difícil cumprimento como identificar os servizos que vai precisar do letrado, ou a ratificación en segunda instancia. Tampouco recolle o recoñecemento de que o servizo público de asistencia xurídica gratuíta estea efectiva, digna e suficientemente remunerada, ao tempo que se produce un desprazamento cara os colexios profesionais de cargas administrativas que non deberían asumir.
Por elo, o Grupo Parlamentario Socialista xa pediu a devolución ao Goberno deste proxecto de Lei mediante unha emenda de totalidade que foi rexeitada cos únicos votos en contra do PP e do deputado Álvarez Sostres.