O executivo de Lara Méndez lamenta a falta de lealdade institucional evidenciada hoxe polo Goberno autonómico, que non remitiu nin comunicación nin invitación algunha ao Concello de Lugo para asistir á visita institucional que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, realizou esta mañá ás instalacións de novo Centro Integral de Saúde na Residencia. “O sucedido esta mañá é un capítulo inaudito na historia da cidade. É a primeira vez  que non se convida a alcaldesa, primeira mandataria de Lugo e, polo tanto, a súa máxima representante, a unha visita institucional do presidente da Xunta, cando si que ten presenza a portavoz do PP local, Elena Candia”, sostivo a portavoz municipal, Paula Alvarellos.

“Este acto totalmente censurable e fóra de lugar non supón unha ofensa cara ao Goberno local ou cara á figura da alcaldesa, senón que constitúe unha ofensa para todas e todos os lucenses e evidencia a marxinación á que o executivo de Rueda pretende someterlles. Mentres onte mesmo, a rexedora falaba coa xerencia do HULA para avanzar na urbanización da contorna do centro sanitario, polo que a visita de hoxe realizase no marco dunha obra onde colaboran as dúas administracións, sendo consciente da necesidade de traballar da man para que Lugo avance”, manifestou a portavoz.

“Esta mesma mañá por escrito e de forma oficial, o Concello de Lugo solicitou a Presidencia da Xunta que reflexione e restableza o respecto e lealdade cara aos veciños e veciñas de Lugo. Máis haxa de intereses partidistas, esta lealdade institucional é innegociable e debe ser o principio que debe rexer as relacións entre Administracións polo ben da cidade”, concluíu.