A actuación contará cun investimento municipal de 90.000 euros e suporá a instalación de novos xogos, así como dun novo pavimento de caucho con revestimento decorativo.
Miguel Fernández: “Esta actuación enmárcase no compromiso do Goberno Local coa coa creación de espazos seguros e de lecer para o desenvolvemento dos máis pequenos”.
O Executivo de Paula Alvarellos acometerá a renovación integral do parque infantil situado na rúa Gallego Tato. Así o avanzou este xoves o concelleiro de Transición Ecolóxica, Miguel Fernández, quen subliñou que “esta actuación enmárcase no compromiso do Goberno Local coa coa creación de espazos seguros e de lecer para o desenvolvemento dos máis pequenos”.
O concelleiro resaltou, así mesmo, a importancia da educación lúdica e a aprendizaxe a través do xogo, sinalando que o parque que se renovará, moi empregado polas crianzas do barrio da Piringalla “non só proporciona diversión, senón tamén oportunidades valiosas para o desenvolvemento cognitivo e físico dos nenos e nenas”.
“Deste xeito, investiremos preto de 90.000 euros na remodelación integral desta área de xogos para convertela nun novo espazo de lecer aberto e integrador en prol da convivencia interxeración e en harmonía coa contorna na que se atopa”, explicou Fernández.
O edil detallou, así mesmo, que “os xogos que se instalarán serán o supernova –que tivo gran éxito no parque de Campo Castelo–, un columpio cesta, un carrusel con banco e un xogo múltiple con tres torres con trepa e ponte”.
Por outra banda, o edil destacou que os elementos que conformarán a nova zona recreativa seguirán a línea marcada polo Concello en canto aos materiais empregados. Deste xeito, contará cos selos ‘Made Green’: produtos feitos a base de materiais reciclados post-consumo (como residuos recuperados do océano, téxtiles usados, envases alimentarios, etc.) e ‘Born Green’, que obteñen aqueles produtos feitos do propio material de construción da natureza como a madeira, procedente de silvicultura sostible e, por tanto, pouco contaminantes.
Igualmente, todo o parque disporá dun pavimento de caucho continuo, con revestimento decorativo, respectuoso co medio ambiente e con propiedades antiescorregadizas e outras caranterísticas técnicas que garanten unha longa durabilidade e boa resposta ao uso á intemperie.