“O PP quere tapar as súas vergoñas na Xunta de Galicia, esixindo en Lugo o que desmantela dende Santiago”, subliñou a Concelleira de Benestar Social
O Concello, a pesar de non ter competencias na materia, pasou de destinar 19.000 euros a 150.000 euros a axudas ao aluguer nos últimos 10 anos, beneficiándose actualmente entre 85 e 100 persoas por convocatoria
A Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana González Abelleira, lamenta que o Grupo Municipal do Partido Popular “use a Lugo para tapar as súas vergoñas na Xunta de Galicia”. Así respondeu a edil ás declaracións realizadas polo PP nas que aseguraba que o Concello non daba resposta suficiente ás axudas de aluguer. “Queren distraer poñendo unha cortina de fume, pois mentres o Goberno progresista de Lugo aumentou un 90% as axudas ao aluguer, o PP eliminou dende a Xunta as subvencións directas do programa Aluga o pasado ano, deixando á intemperie ás familias e persoas máis necesitadas”, asegurou a edil, quen puxo de relevo “a actitude hipócrita do PP, que, unha vez máis, esixe en Lugo o que desmantela dende Santiago”.
Neste senso, Abelleira lembrou que o Concello de Lugo, a pesar de non ter competencias na materia de aluguer, pasou de destinar 19.000 euros a 150.000 euros a axudas ao aluguer nos últimos 10 anos, beneficiándose actualmente entre 85 e 100 persoas por convocatoria, e destinándose tamén o 71% das axudas de emerxencia social a pagar alugueiros.
A edil denunciou a inoperancia do PP na Xunta de Galicia, “que nin asumen as súas competencias de xeito directo, nin financia aos Concellos para que as leven a cabo”, e recomendoulle aos populares poñerse a traballar ante os seus gobernos amigos pola igualdade e o benestar dos veciños e veciñas de Lugo, “que pouco a pouco ven como o Plan Paradai, a rehabilitación da Tinería, a Ronda Leste, o Museo da Romanización e a implantación dos servizos pendentes no HULA e no barrio da Residencia quedan esquecidos nun caixón. E iso non o imos a permitir”, aseverou González Abelleira.