O voceiro municipal subliña que esta medida incrementará o número de usuarios e, con elo, producirase unha maior recadación por tarifa, o que leva consigo un menor desembolso para o Concello

O voceiro municipal, Miguel Fernández, subliñou este xoves a decidida aposta do Goberno por impulsar o transporte urbano de viaxeiros e incrementar o número de usuarios, e defendeu o revulsivo que supoñerá para o mesmo o novo contrato que vén de adxudicar a Xunta de Goberno debido á substancial mellora na prestación do servizo aos cidadáns, tanto polo aumento da frecuencia horaria, con saídas cada 30 minutos, como pola reorganización global das liñas que se levará a cabo co fin de adaptalas á realidade socioeconómica da cidade. Neste senso, lamentou que o Partido Popular non poña en valor este impulso e “se dedique de novo a tratar de enredar e crear falsas alarmas”.

Fernández explicou que, “se ben os quilómetros a recorrer son máis, pois duplícase a frecuencia horaria, isto redundará nun incremento dos usuarios, o que suporá, por unha simple cuestión matemática, unha maior recadación por tarifa, o que leva consigo un menor desembolso por parte do Concello”. Isto débese a que a facturación á entidade local resulta da diferencia entre o pago por servizo -é dicir, o importe que resulta de multiplicar o prezo por quilómetro (2,10€) polos quilómetros útiles percorridos- e a recadación por ingresos tarifarios, esto é, por venda de billetes. Deste xeito, cantos máis ingresos por tarifa, menos desembolso para o Concello.

Polo tanto, “o Concello non asumirá os 5 millóns dos que fala o Partido Popular”, asegurou o voceiro, quen acusou a esta formación de “contar medias verdades para crear novamente falsas alarmas, pois nos seus supostos cálculos só ten en conta o parámetro do custe por servizo (prezo do km x kms. percorridos), pero non o aumento dos viaxeiros e os ingresos que levará consigo a maior frecuencia das liñas, nin o recadado por publicidade, e tamén oculta que o orzamento establecido para 2016 non é para o ano completo”.