“A Administración galega, como titular deste monumento Patrimonio da Humanidade é responsable do seu mantemento para mantelo en perfecto estado de limpeza”, afirmou Basadre

O Goberno local socialista defenderá no vindeiro Pleno ordinario, convocado para o xoves, unha moción na que esixirá á Xunta de Galicia a limpeza da Muralla de Lugo, que foi declarada Patrimonio Mundial pola UNESCO o 30 de Novembro do 2000. Así o anunciou este xoves a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, quen asegurou que “a Xunta de Galicia, como titular deste monumento Patrimonio da Humanidade é responsable da súa conservación, sendo a Consellería de Cultura a que debe de mantela en perfecto estado de limpeza”.

“A Xunta de Galicia nunca actuou por iniciativa propia na conservación da Muralla, emblema de Lugo e un dos principais reclamos turísticos da nosa cidade”, afirmou a Concelleira ao tempo que lembrou a “nula aportación” que fixo o Goberno da Xunta do Partido Popular ao programa Lugo10, “xestionado, organizado e financiado polo Concello”.

No pasado mes de maio, a Xunta de Galicia anunciou o contrato de obras do Plan de Mantemento da Muralla para os anos 2015-2016, que entre outras actuacións, contempla a limpeza e coservación da Muralla, “obras que non somos quen de apreciar”, subliñou Basadre, quen lle demandou á Xunta de Galicia que se faga cargo das súas obrigas de mantemento e limpeza da Muralla e que “con caracter urxente” procede a adecentar ante a conmemoración do 15º Aniversario da declaclaración deste ben como Patrimonio da Humanidade.

O PP lucense ten nesta proposta unha “excelente oportunidade” para demostrar o seu “verdadeiro compromiso con Lugo”, subliñaron os socialistas, que instaron aos populares a pedir “que os 4,1 millóns de euros que ían ser destinados ao auditorio se queden en Lugo e a Xunta os destine aos numerosos compromisos que ten pendentes coa cidade, como, por exemplo, a conservación da Muralla”.