“O Concello ten a vontade de poñer a disposición do SERGAS os terreos necesarios para que o barrio conte cos servizos sanitarios adecuados que merece para dar un servizo de calidade digno aos veciños”, subliñou Fernández
O equipo de Goberno defenderá no Pleno ordinario do vindeiro xoves unha proposición na que esixirá á Xunta que realice as xestións pertinentes para a construción dun novo centro de saúde no barrio do Sagrado Corazón, recollendo as reivindicacións dos usuarios e dos profesionais do actual centro de saúde, que foi inaugurado hai máis dun cuarto de século. Así o anunciou o voceiro municipal, Miguel Fernández quen deu a coñecer que o centro actual, situado nos baixos de dous edificios, conta cunha serie de barrerias arquitectónicas, o que provocou que se tiveran que habilitar consultas preto da porta pola imposibilidade dalgún paciente de acceder a súa.
“O Concello de Lugo, ao igual que fixo xa hai 15 anos, ten a vontade de poñer a disposición do SERGAS os terreos necesarios para que este barrio conte cos servizos sanitarios adecuados que merece para dar un servizo de calidade e digno aos veciños e veciñas”, subliñou Fernández, quen agarda que desta volta o Sergas non rexeite os soares.
O Concello intentou tamén no 2008 levar a cabo a construción desta tan demandada infraestrutura en xuntanzas con responsables de Sanidade e do Sergas, chegando incluso a asegurar o xerente da área integrada do Sergas que existían fondos dispoñibles para o centro, afirmando que este proxecto, aínda que non estaba incluído nos Orzamentos, formaba parte dos plans da Consellería de Sanidade. Neste senso, Fernández lamentou o abandono ao que a Xunta somete unha vez máis a Lugo, “pois para que este centro de saúde formara parte dos plans da Consellería, nada se sabe del”.