O Executivo galego non ten ningún plan de uso para o inmoble, tal e como puido comprobar a comisión de traballo para a revitalización da Residencia que visitou hoxe as instalacións co xerente da EOXI de Lugo

Ante o evidente e importante deterioro que, como puideron comprobar na mañá deste mércores os integrantes da comisión municipal de traballo para a revitalización do barrio da Residencia, presentan as instalacións do antigo Xeral, o Goberno esixe á Xunta de Galicia que acometa de inmediato obras de conservación do edificio para evitar que se agrave o seu deterioro e quede danada a estrutura de maneira irreversible.

De feito, a comisión, que estivo acompañada polo xerente da Estrutura Organizativa de Xestión Integrada (EOXI) de Lugo, Cervo e Monforte, Ramón Ares, nunha visita que forma parte dos acordos adoptados pola propia Mesa, non puido acceder ás dependencias do vello Xeral “porque está selada e en moi mal estado, con paredes e teitos caídos”, e só entrou nas instalacións do Materno Infantil, que “se encontra tal e como o deixaron cando quedou baleiro, cun exceso de material que ao noso entender puido ter sido doado a distintas asociacións de carácter social, e, no terceiro andar, hai un dano considerable no tellado”, cun burato de importantes dimensións xunto aos ascensores polo que entra a auga, que xa asolaga o chan e provoca filtracións no resto das plantas, explicou o Concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Persoal, Daniel Piñeiro, quen formou parte da comisión que esta mañá accedeu ao inmoble.

Por outra banda, tras esta visita, subliñou Piñeiro, “puidemos comprobar que a Xunta non ten absolutamente ningún plan concreto para darlle uso a este complexo, pois descarta a creación dun segundo PAC na cidade e, segundo Ramón Ares, sería posible estudar un centro de saúde para desdobrar o centro médico da Milagrosa, pero na Escola de Enfermería, polo que o Xeral e o Materno seguirían quedando sen uso algún”.

Ademais de Piñeiro e Ares, na visita tamén participaron a presidenta da Asociación de Veciños e Comerciantes da Residencia, Cecilia Vázquez, e representantes dos grupos políticos municipais.