A Alcaldesa avanzou durante un encontro coa Federación Provincial de Anpas de Lugo a iniciativa plenaria, na que o Executivo pide un colexio e un instituto co fin de atender a demanda existente
O equipo de goberno defenderá no vindeiro Pleno ordinario, que terá lugar o luns, día 21, unha proposición na que esixe á Xunta de Galicia que dote de máis infraestruturas educativas á zona sur da cidade, coa creación dun colexio de Primaria e a construción dun instituto de Secundaria, para atender as necesidades desta parte de Lugo tendo en conta o seu crecemento e a actual insuficiencia de prazas escolares. Así o anunciou a Alcaldesa, Lara Méndez, durante un encontro que mantivo este martes coa Federación Provincial de Anpas de Lugo (FAPACEL), unha reunión na que intercambiaron opinións sobre a situación educativa do concello e coincidiron en moitas reivindicacións, polo que acordaron colaborar para satisfacelas.
“Consideramos que é imprescindible a construción dun novo centro de Primaria na zona sur da cidade, a de maior crecemento de poboación nos últimos anos, co fin de atender a demanda existente, pois o curso pasado quedaron fora da escolarización nos centros de primeira opción medio centenar de alumnos; garantir a igualdade de oportunidades e favorecer a conciliación da vida familiar e laboral”, subliñou a rexedora, ao tempo que lembrou que o Concello xa ofertou solo público na zona de Sanfiz para a construción de ditas dotacións.
Ao mesmo tempo, o Goberno considera imprescindible a construción dun centro de Educación Secundaria, posto que os catro de Primaria da zona –As Mercedes, Illa Verde, María Auxiliadora e Anexa- están adscritos a un único instituto, o Sanxillao, e co paso dos anos o problema actual en primaria vai aparecer en secundaria, pois o incremento da poboación escolar que existe agora en nenos e nenas menores de 4 anos repercutirá en aumento de escolares de secundaria en menos dunha década.
“Esta necesidade é de sobra coñecida pola Xunta de Galicia, polo que sería unha inxustiza, que habendo tanto coñecemento como necesidade non se tomen medidas ao respecto”, subliñou a Alcaldesa, quen confía en que todas as forzas políticas apoien a iniciativa plenaria do Goberno.