Fernández convidou aos populares “a deixar de prexudicar e maltratar a Lugo”, ben sexa pola falta de propostas positivas para a cidade, polo silencio ante a discriminación da Xunta e Goberno con Lugo e por “improvisar sen ningún rigor”

O Goberno local reclama ao Grupo Municipal do Partido Popular a abandonar as súas políticas do “non polo non” en cuestións que atendan ao desenvolvemento da cidade. Así o manifestou o voceiro municipal, Miguel Fernández, tras as declaracións que fixo o PP, nas que pon en dúbida a vontade e o traballo do Goberno para optar as axudas europeas no marco das estratexias de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado (DUSI)‏‏‏‏‏‏‏‏.

Fernández lamentou a actitude de “negación constante e continua” do PP e máis aínda cando o Goberno concorre a novos fondos europeos da Unión Europea encamiñados a impulsar o desenvolvemento do Concello e nun momento de escaso financiamento como o actual.

Neste senso, Miguel Fernández convidou aos populares “a deixar de prexudicar e maltratar a Lugo”, ben sexa pola súa falta de propostas en positivo para a cidade, polo seu “silencio cómplice” ante a continua discriminación que a Xunta e o Goberno Central lle dan a Lugo ou por “improvisar sen ningún tipo rigor ” e aventurarse a criticar proxectos sin nin tan sequera coñecelos en profundidade. “Somos un Goberno serio e responsable, e traballamos para captar novos recursos europeos en todas as convocatorias, pois somos conscientes de que nos permiten realizar investimentos capaces de mellorar a calidade de vida dos lucenses”, asegurou Fernández, ao tempo que lle recomendou ao PP “a deixar de lado a súa estratexia de alarmismo e a preocuparse máis polo futuro da nosa cidade”.

A Alcaldesa, Lara Méndez, convocou para mañá luns unha Xunta de Voceiros para presentarlles aos grupos da Corporación Municipal de primeira man o proxecto co que o Concello opta ás axudas da Unión Europea.