“Reivindicamos que os lucenses teñan as mesmas infraestruturas que o resto das cidades de Galicia, non máis pero tampouco menos”, subliñou Miguel Fernández
“Para o PP, que desconectou Lugo coas infraestruturas ferroviarias, a alta velocidade non é prioridade, só en campaña electoral”
O equipo de goberno defenderá na sesión plenaria do vindeiro luns, 21 de decembro, unha proposición de adhesión por parte do Concello de Lugo ás reivindicacións da plataforma veciñal Lugo…non perdas o tren en defensa dos servizos ferroviarios para a cidade, posta en marcha pola Federación de Asociacións de Veciños coincidindo co 140 aniversario da chegada do tren a Lugo. Así o deu a coñecer este xoves o voceiro municipal, Miguel Fernández, quen lembrou que se trata dunha plataforma para pedir a chegada do AVE a Lugo, a construción dunha estación intermodal, a mellora do ferrocarril de cercanías, a creación dun plan urbanístico para a estación de Lugo e a potenciación do transporte ferroviario de mercancías.
O voceiro municipal subliñou que o Goberno Local “quere o mellor para os lucenses e os mesmos servizos para Lugo que o resto das cidades de Galicia, non máis pero tampouco menos”, ao tempo que denunciou que nos orzamentos para o 2016 da Xunta de Galicia “non hai nin un só euro de investimento previsto para a estación intermodal de Lugo, sendo a nosa cidade a única das galegas nas que non figura ningún investimento”.
“Para o Partido Popular, que desconectou Lugo coas infraestruturas ferroviarias, a alta velocidade non é prioridade, soamente en campaña electoral. É unha desfachatez que Ana Pastor veña a Galicia a confirmar o que xa sabiamos, que proxectan intermodal para todas as grandes cidades galegas menos para Lugo; mentres o presidente da Xunta aplaude a decisión e o portavoz do grupo municipal popular nin levanta a voz”, asegurou Fernández.
Partidas orzamentarias
“Somos a capital de provincia peor conectada co resto do territorio galego e español, e é imprescindible que Lugo conte cuns servizos ferroviarios dignos, non soamente a chegada do AVE, senón un tren de alta velocidade para vertebrar a nosa cidade”, aseverou Miguel Fernández, quen deu a coñecer que o equipo de Goberno instará á Xunta de Galicia e ao Ministerio de Fomento a que consignen partidas orzamentarias para a posta en marcha da estación intermodal para impulsar os servizos ferroviarios na cidade de Lugo, nos mesmos termos que o está a facer noutras cidades de Galicia.