Tres das empresas xa cobraron as correspondentes indemnizacións no ano 2010 por unha cantidade próxima aos 150.000 € e o Concello negocia a indemnización co cuarto empresario ao que se lle remitiu unha nova oferta, esta mesma semana, que ronda os 79.000 €

O Concelleiros de Urbanismo, Luis Álvarez, e de Infraestruturas, Paz Abraira, censuraron hoxe ó Voceiro do Partido Popular, Jaime Castiñeira, e acusárono de tratar de enganar á cidadanía e de defender intereses particulares polas afirmacións que fixo respecto das indemnizacións a empresas do Ceao para a construcción dun paso elevado sobre a vía férrea.
O Concelleiro de Urbanismo acusou a Jaime Castiñeira de practicar unha estratexia indigna para un representante do Concello de Lugo. Álvarez explicou que a única licenza ilegal que está a ter custe económico para o lucenses é a que concedeu o Partido Popular para a construcción dun edificio na rúa Montero Ríos. “Curiosamente, Castiñeira non fala dela”, dixo o Concelleiro de Urbanismo que acusou a Castiñeira de actuar como se fora “taxador, fiscal e xuiz, todo a un tempo” e sinalou que o Voceiro do Partido Popular actúa con “lixeireza e con ousadía, xa que se permite mesturar as licenzas das naves de Nupel e considerar que non se deron correctamente”.
Ademais, o Concelleiro de Urbanismo chamou a atención sobre o feito de que as críticas do PP coinciden con intereses particulares. Así, destacou a curiosa coincidencia que supón o feito de que as acusacións de Castiñeira sobre a ponte sobre a vía férrea do Ceao coincidan co envío da valoración feita polo Concello ó único propietario de terreos co que non houbo acordo, xa que ós outros 3 xa se lle pagou unha cantidade moi inferior á que dí o Partido Popular. “Que se saiba que as demandas do PP coinciden coas demandas dun particular en concreto”, dixo Álvarez.
Ademais, o Concelleiro de Urbanismo lembrou que o PXOM recolle a modificación feita no planeamento da zona e salientou que o PXOM foi votado polo Pleno co apoio de Castiñeira e aprobouno a Xunta de Galicia.
Pola súa parte, a Concelleira de Infraestruturas, Paz Abraira, a preguntas dos xornalistas e tras a declaracións do voceiro da oposición, contestou que se recoñecen estas indemnizacións tras detectarse un erro nun informe emitido polo anterior xefe do departamento de Infraestruturas do Concello, agora xubilado. Segundo Paz Abraira, efectivamente na reclamación inicial “os catro reclamantes solicitaban unha indemnización que rondaba os 500.000 € dos que fala o voceiro da oposición”. Tres de estes reclamantes xa foron indemnizados no ano 2010 cunha cantide inferior, en total, aos 150.000 €. Ao cuarto reclamante foille remitida, dende o concello, unha nova oferta de indemnización, esta mesma semana, que ronda os 79.000 €.
O Concello recoñeceu, no informe da asesoría xurídica, que houbo un procemento administrativo na que o anterior xefe de servizo de infraestruturas dá un informe favorable a un proxecto que incurre en irregularidades dado que afecta a propiedades privadas. A partir dese momento buscase alternativas para compesar, lóxicamente, aos afectados por esta situación. Pero, segundo Paz Abraira, “en ningún caso esas naves están fora de ordenación e lembrou que están nun Plan Xeral que foi aprobado polo Partido Popular”.