Ademais de conxelar a carga impositiva ós contribuíntes, manteranse as bonificacións ás familias numerosas, a vehículos ecolóxicos, obras de rehabilitación e incentivos para a creación de emprego
O Alcalde explicou que un ano máis tomamos esta decisión porque somos conscientes da situación económica de moitas familias e sabemos ben o que están sufrindo por culpa do copago e repago que lles impoñen os gobernos do PP”
O Alcalde, José López Orozco, e a Concelleira de Economía, Emprendemento e Autónomos, Sonia Méndez, anunciaron que o Concello de Lugo non subirá os impostos, taxas e prezos públicos o ano que vén por un sentido de xustiza e solidariedade co momento que estamos a vivir. Ademais de conxelar a carga impositiva ós contribuíntes, manteranse as bonificacións ás familias numerosas, a vehículos ecolóxicos, obras de rehabilitación e incentivos para a creación de emprego.
O Alcalde explicou que un ano máis tomamos esta decisión porque somos conscientes da situación económica de moitas familias e sabemos ben o que están sufrindo por culpa do copago e repago que lles impoñen os gobernos do PP, mentres que ós pais, ademais da subida dos comedores escolares, lles anuncian a retirada de becas e das axudas para mercar os libros de texto. A todo isto hai que sumarlle o céntimo sanitario no prezo do combustible, ou o aumento do recibo da luz.
Cremos que non podemos seguir apretando ós nosos veciños deste xeito e por iso tomamos esta decisión que cremos que non vai afectar ós servizos que se ofrecen segundo explicou o Alcalde. Aínda que sexa un sacrificio para o Concello, non queremos exprimir ós cidadáns como están a facer os gobernos do PP na Xunta e no Estado.
López Orozco tamén sinalou que este Goberno local ten moi claras as prioridades sociais e non imos facer ningún recorte nos orzamentos dos próximos anos. Neste sentido, sinalou que a Xunta de Galicia está subindo todos os impostos e puxo como exemplo o anuncio dunha subida do 34% no recibo do lixo debido ó gran déficit que acumula Sogama.
Boa situación económica do Concello de Lugo
Pola súa parte, a Concelleira de Economía deu conta da situación das arcas municipais que calificou de boa e da que salientou que neste ano fomos quen de amortizar máis de 10 millóns de euros, dos que 5,7 millóns xa estaban previstos nos orzamentos e o resto correspóndese co superávit aprobado na Xunta de Goberno. Neste sentido, tamén explicou que penso que o mellor destino dese superávit sería para investimentos, e non este que lle tivemos que dar imposto polo Goberno de Rajoy, en contra do que pedimos todos os concellos unidos na FEMP.
O Concello de Lugo amortizou máis de 10 millóns de euros neste ano o que significa que descendeu nun 27% e a finais de ano será de 28,3 millóns de euros. Estas datos son moi positivos e moi por debaixo do que nos deixou o Partido Popular e que no seu momento ascendía a 52 millóns de euros segundo explicou Sonia Méndez.
Sonia Méndez tamén denunciou que dende os gobernos central e autonómico do PP se están esixindo unhas restricións que non se aplican eles mesmos xa que, por exemplo, o señor Feijóo incrementou a débeda da Xunta nun 94% ascendendo hoxe a 9.300 millóns, é dicir case a duplicou a pesar de que sempre vende a mensaxe de que as administracións non poden gastar o que non teñen.
O mesmo podemos dicir do goberno do PP no Estado que incrementou nun 28% a débeda recibida así que con estes datos desmontan a teoría da boa xestión creada por Feijóo e demostra que en concellos gobernados polo PSOE, como o de Lugo, somos quen de xestionar eficazmente os recursos e facer viable a actividade do Concello nos próximos anos.