“Unha vez máis constatamos como o PP busca confundir á cidadanía, como desvirtúa e terxiversa a realidade e, o máis lamentable de todo, como supedita o interese xeral do que, neste caso ademais, se sirve para disimular o seu escaso compromiso con Lugo”.

Nestes termos, a voceira do Goberno local, Paula Alvarellos, se expresaba hoxe en alusión ás últimas declaracións realizadas polo Partido Popular, tanto dende o Grupo Municipal como dende a Delegación Territorial da Xunta, ao respecto da creación de vivenda pública en Lugo.

“Non se pode cualificar máis que como faltar á verdade que o Partido Popular asimile a ausencia de avances na licitación de vivenda protexida no municipio – unha competencia de titularidade autonómica – á permuta da parcela de Ramón Piñeiro. Son dúas circunstancias que nada teñen que ver entre si porque a Xunta dispón xa de dereitos urbanísticos en varias localizacións da capital, como pode ser en Magoi ou no propio Garabolos – onde, por certo, xa anunciou que construiría VPO – de xeito quenon precisa asinar ningún convenio co Concello para crear vivenda social na capital, ten terreos dabondo onde facelo”.

Para a portavoz do Executivo esta distorsión premeditada non é máis que “a estratexia, o abono co que o PP procurará amortecer a súa responsabilidade ante unha posible perda de fondos europeos por falta de xestión. Un obxectivo para o que non dubida en instrumentalizar á veciñanza en prol de fins partidistas”.

Alvarellos Fondo sinalou que “se a Xunta deu a súa palabra de que paralizará o proxecto de construción de VPO no Castiñeiro, damos por feito que esta promesa ten validez e non é susceptible de reverterse; por tanto, a comunidade deste barrio non ten de que preocuparse. Ademais, salvo que cambiara de parecer e de prioridades, a propia conselleira de Vivenda anunciou que, en substitución do proxecto que ía acometerse nesta zona da capital, levantará novas vivendas en Garabolos”.

“Por tanto, pedímoslle ao PP que deixe de desvirtuar o debate, que non intente facer creer á poboación que para licitar máis vivenda social resulta imprescindible materializar un convenio co Concello, porque non o é. O Convenio ten como función compensar á Xunta pola edificabilidade que perde no Castiñeiro pero non é óbice para que a Xunta poida investir en Lugo con cargo ás subvencións europeas que recibiu. O que non lle ímos consentir é que non o faga, que lle dea as costas novamente ás máis de 1.300 persoas demandantes que temos na cidade e aínda por riba pretenda achacarlle á Administración local as consecuencias do seu desleixo”, sostivo a voceira municipal.

Antes de rematar Paula Alvarellos afirmou que o Goberno local se atopa tremendamente preocupado porque “cada vez que a Xunta ou o PP falan de vivenda pública en Lugo nunca é para dar conta de novos pasos na súa tramitación, do progreso das actuacións ou de novas intervencións ao respecto. Ao contrario, levamos dende o 2008 agardando que o Executivo galego constrúa VPO no municipio, pero nin sequera agora, que obtivo unha inxección económica extraordinaria para facelo, está disposta a reverter ese desprezo, senón que logo de tantos anos de abandono, segue a escudarse en mentiras para desviar a atención e buscar culpables nos que descansarse da súa inacción”, concluíu a tenenta de alcaldesa.