González Abelleira sinalou que é un retroceso nos dereitos das mulleres e da sociedade porque ninguén ten porque decidir sobre o noso corpo, a nosa vida e os nosos dereitos
A Concelleira de Benestar Social e Igualdade, Ana González Abelleira, anunciou esta mañá a presentación por parte do equipo do Goberno Municipal dunha proposición para o próximo pleno contra o anteproxecto de Lei do Aborto, na que manifestan o absoluto rexeitamento do Concello de Lugo por ser lesiva para as mulleres e supoñer un menoscabo dos seus dereitos.
González Abelleira manifestou que ningún goberno nos ten que dicir ás mulleres o que temos que facer co noso corpo, coa nosa vida e cos nosos dereitos e estamos ante unha lei retrógrada que ten en contra aos propios membros do Partido Popular. Ademais insistiu en que esta norma non só supoñerá un grave retroceso de máis de trinta anos para a lexislación española, senón que tamén supón o incumprimento de compromisos internacionais en materia de dereitos sexuais e reprodutivos e de liberdade das mulleres a decidir sobre a súa maternidade. Desta maneira, situaría a España como un excepción en toda Europa, onde nos últimos anos ningún país lexislara cara a atrás nesta materia.
Tamén se insta ao Goberno de España a retirar inmediatamente e non continuar a tramitación do Anteproxecto de Lei Orgánica polo que pretende revisar a lexislación vixente sobre saúde sexual e reprodutiva e interrupción voluntaria do embarazo.
A revisión desta lexislación representa un extraordinario retroceso normativo, social e ideolóxico e volvería situar ás mulleres españolas na clandestinidade, suprimindo o seu dereito a decidir responsable, consciente e libremente sobre a súa sexualidade e maternidade.