Demanda que se equipare a situación á do hospital de Vigo, onde se acordou recentemente a reducción das tarifas do aparcadoiro do novo centro sanitario, mesmo por baixo da media do resto de estacionamentos da cidade
“Debe corrixirse este agravio comparativo canto antes. Non podemos permitir que, como ben sendo habitual, se trate aos lucenses dun xeito discriminatorio con respecto a outras cidades e provincias”
O Goberno de Lugo buscará no Pleno do luns o consenso da Corporación para reclamar á Xunta de Galicia a rebaixa dos prezos do aparcamento do Hospital Universitario Lucus Augusti, mesmo chegando á gratuidade nos primeiros minutos de estancia, como fixo no centro hospitalario Álvaro Cunqueiro de Vigo.
Tal e como explicou a Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, con esta proposición, o Executivo recolle unha forte demanda veciñal, que considera “excesivos” os prezos do aparcadoiro para os pacientes e os seus acompañantes, “sobre todo para aqueles doentes crónicos que teñen que acudir a revisións ou tratamentos case a diario”. As tarifas sitúanse “moi por riba das dos aparcamentos do resto da cidade, case un euro e medio pola primeira hora”.
O Concello xa ten solicitado a gratuidade do aparcamento, tendo en conta que foron a veciñanza e a Corporación local os que cederon os terreos para a construción do novo hospital, do mesmo xeito que costearon a urbanización, cun investimento de 7 millóns de euros.
Así mesmo, xa en outubro de 2013 os colectivos veciñais protestaron polo elevado prezo e cuestionaron a propia formulación que se tivo en conta á hora de establecer a concesión privada da xestión do aparcadoiro, entre outras, que o servizo ía ser sen ánimo de lucro. De ser isto así, consideraban os veciños, chegaría con cobrar a cuarta parte do que se cobra.
Estar reclamacións “caeron en saco roto” e non se revisaron as tarifas, que se manteñen como cando abriu o hospital no ano 2011, subliñou a edil de Economía. “A Xunta foi insensible ás demandas que veciños, partidos políticos e asociacións de todo tipo veñen facendo dende hai anos”, asegurou.
A situación do aparcadoiro do HULA contrasta co ocorrido en Vigo, onde, tras unha reunión entre o Alcalde da cidade olívica e o Conselleiro de Sanidade iniciáronse negociacións coa empresa concesionaria do aparcamento do novo hospital e recentemente acordouse unha considerable rebaixa nos prezos, por baixo incluso da media do resto de aparcadoiros da cidade.
De xustiza
O Goberno esixe que se corrixa este “agravio comparativo canto antes”. “É de xustiza que en Lugo se tomen as mesmas medidas que en Vigo, cando ademais os terreos para construír o hospital foron cedidos polo pobo. Non podemos permitir que, como ben sendo habitual, se trate aos lucenses dun xeito discriminatorio con respecto a outras cidades e provincias”.
Ampliación das prazas no entorno do HULA
A rebaixa das tarifas de aparcamento complementaría á creación dunhas 500 prazas gratuítas de aparcamento no entorno do HULA na que está a traballar o Concello coa reordenación dos espazos na rúa que rodea ao centro e co acondicionamento dunha parcela municipal situada en fronte do hospital.