O Goberno local recoméndalle a Jaime Castiñeira que se tranquilice porque, logo de 12 anos, aínda lle quedan moitos máis na oposición. Os cidadáns de Lugo elexiron un Goberno que non só non está paralizado senón que traballa por atender todas as necesidades dos lucenses que o Partido Popular non cubre desde as administracións que goberna.
O concelleiro do Partido Popular confunde traballar por Lugo con facer declaracións cada día máis tremendistas e con dar codazos para sair na foto, dos que son vítimas mesmo os seus compañeiros de grupo político ós que lles impide intervir nos Plenos da Corporación.
É comprensible que o concelleiro do PP que aspirou á Alcaldía de Lugo se sentira defraudado porque os lucenses non lle deron a súa confianza, pero nove meses despois das eleccións, xa é tempo de que Jaime Castiñeira admita a súa derrota electoral porque se segue a rumiar na súa derrota acabaráselle acedando, aínda máis, o seu carácter.
O Voceiro do PP debera adicar o seu tempo a traballar por Lugo facendo unha oposición construtiva e deixar de perder o tempo en idear declaracións a cada paso máis altisonantes sobre o Concello, porque non nos vai meter o medo no corpo, nin ó Goberno local nin ós veciños de Lugo.
O Goberno local recoméndalle a Castiñeira que acepte a vontade dos electores e que se poña a traballar para que a Xunta de Galicia e o Goberno de España colaboren cos cidadáns de Lugo para facerlle fronte ós numerosos retos económicos e sociais que ten esta cidade e que pasan, entre outros, pola creación de emprego, a dinamización do parque empresarial das Gándaras, a mellora de infraestruturas como a Ronda Leste ou a Autovía de Santiago, a execución do Plan Paradai, a solución ós problemas do barrio da Residencia, a creación das unidades pendentes no Hula, a construcción do Auditorio, a creación do Centro da Romanización, a conservación da Muralla, o apoio ás escolas públicas infantiles e a axuda ás familias con maiores dependentes.