A presentación con antelación das propostas das asociacións para a súa inclusión na orde do día do Pleno, o seu posterior debate e 2 iniciativas populares por Pleno son algunhas das medidas que presenta o Goberno
“Cremos na participación cidadá porque é capaz de mellorar a calidade democrática e a transparencia da xestión, o que redundará na modernización e eficacia da institución”, afirmou Fernández
O equipo de Goberno defenderá na vindeira sesión plenaria unha proposición para regular as canles de participación no Pleno das asociacións constituídas para a defensa dos intereses xerais ou sectoriais dos veciños de Lugo. Así o anunciou o voceiro municipal, Miguel Fernández, quen compareceu na Casa das Asociacións, para avanzar que con esta proposta se busca fomentar a transparencia da entidade local e a participación cidadá.
Deste xeito, tal e como avanzou Fernández, o equipo de Goberno propón modificar o artigo 24 do Regulamento de Participación Cidadá no seu apartado 3 para que as asociación que desexen efectuar unha exposición ante o Pleno, presenten con antelación suficiente a proposta para a súa inclusión na orde do día no Pleno –como máximo 6 días antes da celebración da sesión plenaria-, durante o cal, a través dun representante, poderán expoñer o seu parecer mediante o tempo que sinale a Alcaldesa, que será o mesmo do que dispoñan os membros da Corporación. Ademais, o Goberno proporá que se o asunto require debate e a súa posterior aprobación, se seguirá o procedemento regulado no articulado no Regulamento Orgánico Municipal do Pleno, sendo o número máximo de iniciativas populares por Pleno de dúas.
“A democracia , ademais de ser o único sistema político capaz de garantir a igualdade entre os individuos na designación dos representantes cidadáns, debe ser implementada con medidas de participación directa que operen nos órganos de decisión de calquera institución pública”, avanzou o voceiro, quen fixo fincapé na vontade do Goberno para ofrecer todos os mecanismos posibles para garantir o acceso á toma de decisións por parte da cidadanía.
“Cremos na participación cidadá porque é capaz de mellorar a calidade democrática e a transparencia da xestión, o que redundará na modernización e eficacia da institución”, afirmou Fernández ao tempo que deu a coñecer a proposta de modificación do Regulamento de Participación Cidadá que suxire o equipo de Goberno e que persegue establecer unhas canles regradas de comunicación, participación e co-goberno das asociaicóns co máximo órgano de decisión.
Esta medida súmase a outras que realizou o Goberno dentro da súa aposta pola participación, como por exemplo a elaboración dos Orzamentos Participativos, que arrancou o pasado ano 2015, incluíndo o proxecto de Orzamentos do Goberno para o 2016 unha partida de 400.000 euros para que decidan os veciños como inviste o Concello estes cartos.