Considera “fóra de lugar ” e “intolerable” que o PP cuestione o balance de turismo do 2015, “obxectivamente positivo”, pois con elo “pon en dúbida sen ningún argumento o labor dos traballadores do Concello”, subliñou o voceiro

É “falso” que o Goberno lle presentase antes ao tecido asociativo que aos grupos políticos a candidatura aos novos fondos europeos. “Enviáronse cartas a colectivos e institucións para recabar apoios e ter un maior aval”

O Goberno local reclama á oposición que “sume por Lugo, en vez de restar”, e que actúe “con responsabilidade e altura de miras nas cuestións que marcan o futuro da cidade”. Así o expuxo o voceiro, Miguel Fernández, tras as manifestacións que por un lado fixo o PP, nas que puxo en cuestión os datos de afluencia de visitantes á cidade no 2015 facilitados pola oficina municipal de turismo, e, por outro, o BNG, que criticou o procedemento seguido para optar a novos fondos da Unión Europea encamiñados a impulsar o desenvolvemento do concello.

Fernández considera “fóra de lugar” e “intolerables” as declaracións do PP sobre o balance de turismo do 2015, pois con elo “poñen en dúbida sen ningún tipo de argumento ou base o labor e a credibilidade dos traballadores públicos do Concello”. Lamentou así mesmo a actitude “negacionista” deste partido ante “uns datos obxectivamente positivos, que aínda se quedan curtos porque houbo moita xente que veu a Lugo o ano pasado e non pasou pola oficina de turismo”. As cifras, engadiu, certifican un “constante incremento do sector turístico no municipio que seguiremos a potenciar dende o Goberno, a pesar do PP, porque supón un revulsivo determinante para o sector servizos, ao que pertencen máis do 80% das empresas de Lugo”.

Fernández instou ademais aos populares “a desistir da estratexia de tratar de tapar con fume a súa falta de propostas en positivo para a cidade e o seu silencio vergoñento ante o continuo castigo e discriminación que a Xunta e o Goberno central lle dan a Lugo en dotacións e infraestruturas transcendentais, como os servizos sanitarios pendentes no HULA, a Residencia, a intermodal e o AVE, entre outras moitas”. “Non imos consentir que Lugo e os lucenses sexan tratados como cidadáns de segunda”, subliñou.

Fondos europeos
Polo que respecta aos novos fondos europeos que solicitará o Concello no marco do plan Desenvolvemento Urbano Sostible Integrado (DUSI), o voceiro municipal cualificou de “falso” que, como di o BNG, se presentase a candidatura ao tecido asociativo antes que aos grupos políticos municipais. “O que fixo o Concello foi enviar cartas a colectivos e institucións para recabar apoios e ter un maior aval á hora de presentar a candidatura ao DUSI, como corresponde a un Goberno serio e responsable, que quere ter as máximas posibilidades de obter fondos que, igual que o URBAN, marcarán, de acadarse, unha nova etapa no desenvolvemento da cidade”.