“Novamente o PP no seu afán de tapar as vergoñentas actuacións da Xunta, que se esquece continuamente dos gandeiros, chega tarde e pon atrancos en lugar de propoñer solucións”, subliñou Daniel Piñeiro
O Goberno municipal está a traballar no cambio do sistema de recollida de plásticos agrícolas. Así o anunciou o Concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Persoal, Daniel Piñeiro, quen avanzou que “dende o Concello imos a implantar un novo sistema de recollida de plásticos agrícolas a demanda dos gandeiros e eliminando os actuais puntos de acopio”.
Cómpre recordar que o actual sistema de recollida foi o establecido no seu día pola propia Xunta, que lle pediu aos Concellos que determinara os lugares nos que se situaban. “É un sistema que é totalmente ineficaz e problemático, algo que comprobamos o verán pasado cando se produciron numerosos incendios nos mesmos, momento no que o Goberno municipal comezou a analizar diferentes alternativas”, tal e como informou o edil.
Deste xeito, “o PP no seu afán de ocultar as responsabilidades da Xunta e as vergoñentas actuacións desta co sector agrario en xeral e co lácteo en particular, esquecéndose continuamente dos gandeiros, chega tarde unha vez máis na busca de solucións a un problema que eles mesmos ocasionaron”, sinalou Piñeiro.
Ante o mal funcionamento deses puntos de acopio e as peticións realizadas polos propios veciños, o edil lamentou que “o PP non traballe pola defensa dos intereses dos lucenses e propoña no Parlamento galego unha alternativa para a recollida dos plásticos agrícolas en Galicia que sexa eficiente, sostible e sen custo para os gandeiros e os Concellos”.
Daniel Piñeiro recomendoulle ao PP “que se deixe dunha vez por todas de poñer atrancos e que traballe en aportar en positivo para a mellora das condicións de vida no noso rural”.