Os socialistas lucenses tamén instamos ao Goberno do PP a que tramite a Lei Integral de Igualdade de trato e non discriminación co fin de profundizar no valor da Igualdade

O Grupo Municipal Socialista defende o papel que desenvolve o Instituto da Muller xa que é fundamental a existencia dun organismo que protexa e impulse as políticas de Igualdade. Nos últimos tempos estase a sufrir un considerable retroceso nesta materia, agravado pola crise económica, que agudiza a discriminación laboral e social das mulleres. Por iso é moi importante a defensa do papel que realiza o Instituto da Muller.

Os socialistas lucenses denuncian que o Goberno do PP aprobou un decreto, publicado no BOE do 16 de setembro, que deixa completamente diluídas as funcións do Instituto da Muller restándolle capacidade de acción fronte ao resto de organismos públicos. De feito, decidiu acabar co único organismo especializado en materia de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes. Con esta decisión, unha vez máis, o Goberno de Rajoy desatende, reduce e relega ás mulleres e as súas necesidades ao recuncho do esquecemento.

Por estes motivos, o Grupo Municipal Socialista presentou unha proposición, para debater no Pleno do mes de novembro, na que insta ao Goberno de Rajoy a que manteña as funcións do Instituto da Muller, ao tratarse dun organismo autónomo especializado na Igualdade de Oportunidades entre mulleres e homes.

Os socialistas con esta proposición poñen de manifesto a importancia que ten este organismo na coordinación das políticas de Igualdade entre todos os Ministerios e organismos públicos, así como para facer o seguimento de toda a lexislación relativa á igualdade de oportunidades.

Neste senso, o Grupo Municipal Socialista esíxelle ao Goberno do PP un aumento da dotación orzamentaria do Instituto da Muller, co obxectivo de que poida seguir ocupándose de temas tan prioritarios como son a erradicación da violencia de xénero, o emprego, a educación non sexista, trata de persoas con fins de explotación sexual, etc.

Ademais os socialistas lucenses instan ao Goberno de Rajoy a que tramite a Lei Integral de Igualdade de trato e non discriminación co fin de profundizar no valor da Igualdade, máis aló do seu recoñecemento legal e garanta a igualdade de trato e a loita contra a discriminación.