Os socialistas lucenses tamén instan ao Goberno do Partido Popular a que manteña a actual Lei do aborto

Con motivo da conmemoración do 8 de marzo como Día Internacional das Mulleres, o Grupo Municipal Socialista presentou unha proposición para debater no próximo Pleno na que insta ao Goberno de Rajoy a repor os organismos e políticas específicas de igualdade desmanteladas polo PP. Ademais de repoñer as competencias que lles foron retiradas aos concellos pola controvertida Lei de Racionalización e Sustentabilidade Local.

O executivo do Partido Popular usou a crise económica como escusa para desmantelar as políticas de igualdade. Ao longo da lexislatura, Rajoy gobernou en contra das mulleres ata o punto de podermos asegurar que esta foi a lexislatura da desigualdade.

Neste sentido, a diminución da partida para a Igualdade nos Orzamentos Xerais do Estado foi unha constante nestes últimos anos. Desde que goberna o PP recortouse un 33 por cento en xeral e un 22 por cento os orzamentos na loita contra a violencia de xénero. Os socialistas lucenses consideran de vital importancia todos estes recursos recortados, facendo especial fincapé en evitar a violencia na mocidade.

Ademais cómpre ter en conta outros factores que se están a agravar co Goberno de Rajoy, como a expulsión das mulleres do mercado laboral, a precarización das condicións laborais de quen ten emprego e o aumento da brecha salarial. A todo isto súmase que o Partido Popular non realizou ningún tipo de políticas de conciliación nin aumentou o permiso por baixa por paternidade.

O Grupo Municipal Socialista tamén solicita a retirada do Anteproxecto de Corresponsabilidade Parental e o mantemento da Lei actual de saúde Sexual e Reprodutiva e Interrupción Voluntaria do Embarazo, en todos os seus termos, incluída a regulación para as menores de idade, ademais de facer o desenvolvemento do articulado relativo á Saúde Sexual.