Os socialistas denuncian que o PP conduce a unha diminución do número de estudantes universitarios e ao agravamento das dificultades económicas das universidades públicas
O Grupo Municipal Socialista presentou unha proposición, para debater no Pleno do mes de outubro, na que insta ao Goberno de España a modificar a normativa reguladora das becas universitarias. Desta maneira pódese recuperar integramente o establecemento de criterios claros, obxectivos e ponderables na súa concesión, de forma que o solicitante poida coñecer de antemán os criterios polos cales se lle outorgan e a contía que se percibirá se lle é concedida.
Os socialistas denuncian que o presuposto que o Ministerio de Educación destina a bolsas e axudas ao estudo diminuíu un 15,75% nos dous últimos cursos, o que supuxo un recorte de máis de 275 millóns de euros. Polo tanto, co Goberno de Rajoy produciuse unha reducción do 40% no número de becas e axudas, o que atenta contra o principio de igualdade de oportunidades na educación.
Deste xeito a política universitaria do Partido Popular conduce inevitablemente a unha diminución do número de estudantes universitarios, ao agravamento das dificultades económicas das universidades públicas e a ruptura da equidade no acceso á universidade, en definitiva, a perda de oportunidades e do talento de moitos mozos e mozas, que deixaron de estudar por culpa das políticas elitistas do PP.
Por estes motivos, outro dos acordos que se propón é que se restitúan os requisitos académicos que estaban vixentes no curso 2011-2012, nos que se fixaba unha contía base para as compoñentes de compensación e outra por mobilidade. Ademais de que se actualicen os umbrais de renda e patrimonio segundo a variación do IPC dende 2011.
Tamén se solicita que se adopten as medidas necesarias para reducir o importe dos prezos das matrículas universitarias, que se viron incrementados por culpa do Real Decreto-lei 14/2012, do 20 de abril, de medidas urxentes de racionalización do gasto público no ámbito educativo.