A Lei do emprendemento e da competitividade económica de Galicia supón un importante atranco para a organización das festas nos barrios e parroquias

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, denuncia o conflito que lles causa ás tradicionais comisións de festas dos barrios e parroquias a Lei 9/2013 do emprendemento e da competitividade económica de Galicia, xa que o cumprimento desta norma obriga aos organizadores das festas tradicionais a presentar proxectos de seguridade e instalacións, ademais de contratar os seguros correspondentes.

López Orozco critica que esta Lei aprobada polo PP “se meta a regular estes temas, xa que o único que fai, en lugar de simplificar, é xerar un problema onde non o había”. Un problema por partida triple, xa que ademais de afectar ás comisións de festas non profesionais, que realizan un traballo de xeito altruísta, tamén supón un importante prexuízo para os profesionais deste sector, como orquestras, grupos musicais, axentes de espectáculos, feirantes, hostalería local, etc. E, por se fora pouco, esta medida desproporcionada supón unha nova carga de traballo para os concellos, nun momento no que estas administracións sofren recortes económicos e de persoal.

Neste sentido, o Grupo Municipal do PSdeG-PSOE no Concello de Lugo presentou unha proposición para o seu debate no próximo Pleno, que se celebrará a finais deste mes de xuño. Nela instará ao Presidente da Xunta de Galicia a que modifique a Lei 9/2013 do emprendemento e da competitividade económica de Galicia, eliminando do seu texto o disposto no artigo 41, apartado c, no que se refire á obriga que se lles impón ás comisións de festas de obter unha licenza para a celebracións dos festexos populares.

Tamén se propón dar traslado do acordo aos grupo políticos con representación no Parlamento de Galicia, coa finalidade de que adopten as iniciativas pertinentes destinadas a dar cumprimento do acordado.