Este canon vén a gravar ás bibliotecas públicas municipais, polo que fai máis difícil a súa supervivencia, necesaria para asegurar o dereito esencial á Cultura

A Concelleira, Carmen Basadre, explicou que o Grupo Municipal Socialista presentou unha proposición, para debater no próximo Pleno do mes de outubro, na que insta ao Goberno de España para que nos Presupostos Xerais do Estado para 2015 e sucesivos aumenten a partida presupostaria para a adquisición e renovación de fondos por parte das bibliotecas públicas. Tamén se solicita que asuman unha partida suficiente para axudar a sufragar o Canon por préstamo bibliotecario das bibliotecas públicas municipais.

Este canon vén a gravar ás Bibliotecas Públicas Municipais, que son a maioría das existentes do país, e esta regulación do canon contribúe a facer máis difícil a súa supervivencia, necesaria para asegurar un dereito esencial de acceso á Cultura.

“Os poderes públicos deben velar polo lexítimo dereito á remuneración dos autores polo produto da súa obra e, ao mesmo tempo, facer efectivo o dereito ao acceso á Cultura a toda a cidadanía”, segundo remarcou Carmen Basadre, polo que é necesario que o goberno de Rajoy colabore no pago do canon por préstamo bibliotecario.

Nesta proposición tamén se insta a crear un partida específica nos Presupostos Xerais do Estado de 2015 para colaborar co pagamento de dereitos que han de realizar museos, arquivos, hemerotecas, fonotecas ou filmotecas, de titularidade pública, das entidades de carácter cultural, científico ou educativo.

Ademais, ínstase ao Goberno de España, no seo da Conferencia Sectorial de Cultura, a revitalizar o Plan de Fomento da Lectura implantado polo anterior goberno socialista. Tamén se propón que o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte elabore un plan de impulso a apoio ás bibliotecas públicas en colaboración coa Federación Española de Municipios e Provincias.