Os socialistas lucenses tamén esixen a reprobación de Rocío Mosquera pola súas declaracións e a súa reiterada discriminación cara aos lucenses
O Grupo Municipal Socialista presentou unha proposición instando ao Pleno do Concello de Lugo a declarar persoa non grata á Conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, que se debatera na próxima sesión do 2 de marzo. Esta proposición débese ás súas innumerables negativas a que os lucenses dispoñan de Hemodinámica as 24 horas, Radioterapia e Medicina Nuclear, servizos sanitarios que teñen a maioría dos galegos.
Na proposición solicítase a reprobación da Conselleira de Sanidade que máis discriminacións sumou ao noso concello en menos tempo. A continua discriminación do Goberno de Feijóo ao municipio e á provincia de Lugo chegou ao seu punto máis disparatado a principios deste mes, cando a Conselleira atribuíu á campaña electoral os reproches que agora lle empezaron a facer os seus propios compañeiros do PP, entre eles Jaime Castiñeira.
Ademais a propia Conselleira Rocío Mosquera en visita oficial ao Hospital Universitario Lucus Augusti afirmou que este hospital non precisa de hemodinámica as 24 horas do día, facendo saltar polos aires as esperanzas dos lucenses de lograr uns servizos dignos que equiparen a todos os galegos como cidadáns no acceso á sanidade pública.
A falta de argumentos racionais para privar ao noso concello e á provincia de Lugo destes servizos sanitarios supón que as decisións do Goberno de Feijóo son exclusivamente políticas e castigan aos lucenses polo simple feito de ser lucenses.
O municipio e a provincia de Lugo continúan sufrindo o bloqueo do Goberno do PP na Xunta en servizos básicos a pesar de que os propios especialistas médicos recoñeceron publicamente que só 1 de cada 3 lucenses infartados é atendido en menos de 120 minutos.