O Grupo Municipal do PSdeG-PSOE no Concello de Lugo presentará unha proposición no Pleno do próximo mes de novembro na que instará á Xunta de Galicia a facerse cargo do edificio do antigo Cuartel de San Fernando, asumindo a súa titularidade, tal e como se comprometeu no seu día.

Ademais, outro dos acordos, será instar á Consellería de Cultura a incorporar nos presupostos deste ano a cantidade económica suficiente para o mantemento e consolidación deste edificio, ademais de garantir presuposto suficiente durante os tres próximos anos para a total execución da obra do Museo da Romanización.

Segundo explicou, López Orozco, os motivos desta proposición son o evidente abandono ao que está sometido o cuartel de San Fernando, e as preocupantes declaracións da Xunta de Galicia nas que confirma que non se vai facer cargo do mantemento nin a construción do Museo da Romanización. Ademais o estado do antigo cuartel agravouse debido ás catas realizadas polos técnicos da Xunta hai varios anos.

Os lucenses xa levan moito tempo esperando á recuperación para a cidade dun edificio emblemático como este, declarado Ben de Interese Cultural, e o grupo socialista non pode consentir que o cuartel de San Fernando se abandone porque a Xunta non cumpre os seus compromisos coa cidade.