Este é un cambio normativo inxusto e innecesario, que foi aprobado no Congreso cos votos favorables do PP e que volve a golpear aos máis débiles

O Grupo Municipal do PSdeG-PSOE no Concello de Lugo presentará unha moción no Pleno do próximo mes de febreiro na que instará ao Goberno de España e a Xunta de Galicia a que deroguen as disposicións legais que impiden a recuperación da prestación de servizos sanitarios ás persoas españolas emigrantes no estranxeiro, como consecuencia de permanecer fóra do país máis de noventa día na busca de emprego ou de formación.

Este é un cambio normativo inxusto e innecesario, que foi aprobado no Congreso cos votos favorables do PP e que volve a golpear aos máis débiles, pois ao drama de verse obrigados a saír ao estranxeiro na busca de emprego e de estar na incerteza laboral, engádese o castigo de quedarse ao marxe da asistencia sanitaria gratuíta, cando decidan regresar a España.

Deste xeito o PP atreveuse a reducir as prerrogativas de cidadanía e nacionalidade e un grupo importante de poboación como o da mocidade, abandonándoa a súa sorte e expulsándoa do país, sen ningunha contemplación. E estase a condenar á xente moza ao exilio, desprezando a xeración mellor preparada da historia.

Segundo os datos do INE nestes momentos en España hai máis de un millón de mozos que están no paro, véndose obrigados moitos deles a emigrar para poder atopar un traballo, aos cales o PP lles quere poñer máis dificultades para buscar un emprego fóra, cando no seu país non o dan atopado.

Ademais, outro dos acordos propostos é que, mentres non sexan derogadas polo Goberno de España as disposicións citadas, solicítaselle ao Goberno da Xunta de Galicia que non proceda a retirar dita tarxeta sanitaria. Tamén se insta aos Gobernos de Rajoy e de Feijóo ao recoñecemento da universalidade do acceso á atención sanitaria pública e gratuíta.

Esta medida vén a sumarse a outras adoptadas polos gobernos do PP, que fan que retrocedamos décadas, con medidas como o repago hospitalario, unha lei de educación retrógrada, a reforma da lei do aborto, a privatización dos hospitais, a reforma laboral que abarata os despedimentos dos traballadores, ou a reforma da administración local que lle retira competencias aos concellos, entre moitas outras.