Lara Méndez acusa ao goberno galego de manter sobre o Campus unha “espada de Damocles” que ameaza a continuidade dos graos minoritarios

Santiago de Compostela, 28 de maio de 2024. A viceportavoz do Grupo Socialista, Lara Méndez, reclamoulle hoxe ao conselleiro de Educación que derrogue o Decreto 222/2011, que fixa un mínimo de 45 alumnos de novo ingreso para garantir a continuidade dos graos universitarios nos campus periféricos. A responsable socialista presentou unha pregunta oral para reclamarlle á Xunta que retire esta “espada de Damocles” que pon en risco a continuidade de varios graos no Campus Terra de Lugo.

Explicou que esta norma pon en perigo os graos de Paisaxe e Enxeñaría Civil ou de Procesos Químicos que o goberno galego quixo suprimir, mentres os graos de Enxeñería Agrícola e Agroalimentaria e o de Enxeñería Forestal e do medio natural serían convertidos en interuniversitarios no ano 2025. Advertiu que a reestruturación, que foi aprazada pola presión da comunidade universitaria, as institucións locais e a sociedade lucense, aínda ameaza ao campus.

Sinalou que a continuidade destas carreiras universitarias “non pode depender unicamente de dispor dun mínimo de alumnado” cando se trata por exemplo neste caso dunha formación especializada vencellada ao sector agrario, e polo tanto “columna vertebral do Campus Terra”. Lonxe de suprimilas, reclamou potenciar estas ensinanzas, porque “diso depende o motor económico dunha cidade, unha provincia e mesmo de toda Galicia, que é o sector Primario”.

Reclamoulle ao goberno galego que varíe os criterios para a continuidade das titulacións, xa que a día de hoxe “aos enxeñeiros agrícolas e forestais os van buscar á Universidade”, polo que, dixo, “a lo mellor é máis importante promocionar as universidades e os títulos universitarios”. Criticou que se lles “enche a boca de apostar polo medio rural, o medio ambiente e o forestal, pero necesitamos profesionais que fagan ese traballo no territorio”.