A 6 DÍAS DE CUMPRIMENTO DA DATA OFICIAL SINALADA POR FEIJÓO PARA A POSTA EN FUNCIONAMENTO DO NOVO HOSPITAL DE LUGO, CON 327 DÍAS DE RETRASO CON RESPECTO Á SINALADA POLO ANTERIOR GOBERNO DA XUNTA, OS SOCIALISTAS DENUNCIAN QUE A CONSELLERÍA DE SANIDADE AÍNDA NON SOLICITOU, AO CONCELLO DE LUGO, AS LICENZAS DE PRIMEIRA UTILIZACIÓN E DE APERTURA PARA ESTE CENTRO.

CONCEPCIÓN BURGO CUALIFICA ESTA SITUACIÓN DE INACEPTABLE. “A MALA XESTIÓN, A IMPROVISACIÓN E A IRRESPONSABILIDADE DO PP AMEAZA UNHA ASISTENCIA SANITARIA PÚBLICA DE CALIDADE PARA OS LUCENSES”. ASÍ MESMO CRITICA A ACTITUDE DO PARTIDO POPULAR DE LUGO “QUE ACTÚA EN CONTRA DOS INTERESES DOS CIDADÁNS DESTA CIDADE E DESTA PROVINCIA”.

LUGO, 16 DE NOVEMBRO. Os socialistas denuncian que o novo hospital da cidade de Lugo podería abrir sen licenza o vindeiro 22 de novembro. “Por moito que se apure o concello de Lugo en tramitar os documentos, a unha semana de que se cumpra o prazo comprometido por Feijóo para a apertura do Lucus Augusti, a consellería de Sanidade aínda nin sequera os solicitou, para poder, logo, facelos efectivos”, critica Concepción Burgo.

A Xunta non solicitou nin a licenza de primeira utilización, nin a de apertura do HULA. Tampouco pediron as licenzas de obra e actividade para as instalacións da cociña, nin corrixiron as modificacións sinaladas polos técnicos nos proxectos presentados da cafetería. Neste senso, a parlamentaria sinalou que “o PP pretende botar a culpa deste retraso ao goberno local. Son xa 327 días, contando dende a data prevista polo anterior goberno da Xunta, de Emilio Pérez Touriño, pero este goberno de Feijóo esgotou as escusas, non sabe como dar a cara. De aí que pretendan culpar dos retrasos ao concello; xa o intentaron facer poñendo como desculpa que faltaban as vías de acceso ao hospital, logo o subministro da luz, hai uns días a auga”. Deste xeito incidiu en que “a mala xestión, a improvisación e a irresponsabilidade da Xunta de Galicia ameaza unha asistencia sanitaria pública de calidade para os lucenses”.

Por outra banda, a deputada socialista afirmou que dende o GPS solicitarán, ao menos, un millón de euros máis nos orzamentos de 2010 para o Lucus Augusti. Emenda presentada xa polo PSdeG-PSOE aos presupostos. Burgo asegurou que os 2 millóns de euros previstos son insuficientes, se temos en conta que “aínda non se solicitaron, nin saíron a concurso, nin, polo tanto, se adxudicaron, nin se mercaron os equipamentos para os servizos de hemodinámica, medicina nuclear e radioterapia. Servizos básicos para esta infraestrutura”. Burgo insistiu en que “sen eles esta Xunta do PP obrigará a miles de lucenses a continuar desprazándose a outras provincias para tratar enfermidades tan graves como as doenzas do corazón ou un cancro”.

Ademais subliñou que “é indignante, incomprensible, inexplicable e lamentable a actitude do candidato a alcaldía do PP. Jaime Castiñeira é o defensor do Partido Popular en Lugo. Un partido que non cesa de actuar en contra das necesidades dos cidadáns desta cidade e desta provincia. Castiñeira non se opón ao pago do parking, parécelle ben. Tamén lle parece ben que o Centro de Especialidades vaia pechar. E tamén lle parece ben que non teñamos hemodinámica; como lle parecen ben outras moitas cousas que van en contra dos intereses dos cidadáns dos que pretende ser alcalde”, subliña.

Así mesmo, Concepción Burgo explicou que o Grupo Parlamentario Socialista presentou unha proposición non de lei na que se solicita que o edificio do antigo hospital de Lugo se converta nunha residencia pública de maiores, asistidos e non asistidos, inmediatamente despois do traslado dos pacientes e persoal do vello ao novo hospital. “Unha reivindicación que data de hai anos en Lugo, tanto por parte do concello, como por parte das asociacións veciñais”. Burgo lembra que o concello conta tan só con dúas residencias públicas, cunha lista de espera moi alta, de máis de 18 meses, “co cal queda evidenciado o envellecemento da poboación e a necesidade destes centros”, dixo. Tamén atribúe á necesidade de dinamizar o antigo barrio do hospital, unha vez que desapareza o vello hospital. “Non podemos deixar decaer economicamente o barrio do antigo hospital, que creceu e medrou entorno a estas infraestruturas sanitarias”. Sobre a urxencia desta iniciativa insistiu en que “deberase facer sen demoras e sen tácticas dilatorias; nada de comisións que estuden o tema. Non estamos en tempos de debater, senón de actuar. Por unha vez o goberno autonómico e o PP deberían acometer estas obras de xeito urxente. Haber se conseguimos que esta Xunta faga algo polos lucenses”.