Como xa fixera na campaña das eleccións municipais o PP minte respecto á obra de Miguel de Cervantes financiada con fondos do Plan E

O PP volve desacreditar ós técnicos municipais que certificaron unha obra na que se investiron 37.000 euros do Plan E

Os lucenses deben ser conscientes da estratexia fundada en mentiras e manipulacións do Partido Popular de Jaime Castiñeira

O Concello de Lugo vese na obriga de volver sair ó paso das falsedades e das insinuacións malintencionadas do Partido Popular a través do seu voceiro no Concello de Lugo, Jaime Castiñeira, que non ten empacho en reiterar as falsidades respecto ós proxectos executados neste Concello.

Lamentablemente, o Goberno local e os veciños de Lugo empezamos a estar afeitos ás mentiras de Jaime Castiñeira, que emprega a coñecida técnica da reiteración machacona de mentiras, especialmente en tempos de campaña electoral.

O Concello de Lugo adxudicou a obra, presupostada en 37.000 euros, a unha das tres empresas que fixeron ofertas e fíxoo á que fixo a mellor oferta. Hai que lembrar que a Lei de Contratos do Estado establece que se poderán adxudicar directamente as obras con presuposto inferior a 50.000 euros aínda que o Concello de Lugo, en aras de dar maior oportunidade a todas as empresas, adxudica este tipo de obras á mellor das ofertas tras pedir varias propostas. Ir máis aló desto e facer insinuacións malintencionadas neste caso non é máis que enredar, algo ó que nos ten moi acostamos, lamentablemente, o señor Castiñeria, sobre todo nas campañas electorais.

Non é a primeira vez que Castiñeira minte respecto ó proxecto de rexeneración desta zona verde na rúa Miguel de Cervantes. Alomenos en dúas ocasións anteriores, en abril de 2010 e en maio deste ano, o Partido Popular xa fixo a mesma crítica e mereceu comprida resposta por parte do Goberno local.

A última ocasión foi en plena campaña das pasadas eleccións municipais e daquela o Concelleiro de Medio Ambiente, Lino González Dopeso, xa manifestara que “A falta de imaxinación e de iniciativas para a cidade levaos a resucitar, aproveitando a campaña electoral, un asunto ó que xa lle demos resposta hai máis dun ano, concretamente en abril de 2010“.

Lino González Dopeso tamén explicou naquela ocasión que “o proxecto de rexeneración dunha zona verde na rúa Miguel de Cervantes para adaptala a uso público, ornamental e paisaxístico, financiada polo Plan E, xa está feita dado que non se trataba de construir un xardín, senón de crear un muro de contención para unha futura zona verde.

O Concelleiro, como xa explicara o día 21 de abril del 2010, tamén en resposta ó Partido Popular, reiterou en maio deste ano e volverá facelo tantas veces como sexa necesario que “se executou o que estaba previsto no proxecto, xa que este tiña por obxecto definir e valorar todas as instalacións necesarias para realizar o muro de contención e zapata do mesmo, é dicir, comprendeu o deseño e cálculo do muro de contención de terras.

Os labores tamén consistiron na excavación, recheo e compactación de terras, ademais do drenaxe con grava, unha canalización soterrada con tubería de PVC para augas residuais e a modificación da instalación de abastecemento, entre outros traballos.

A obra completarase nunha segunda fase con senllos muros de formigón para protexer as paredes dos edificios que lindan co solar e efectuar o recheo de terra para instalar na zona xogos ou aparatos biosaudables, actuacións que terán un custe aproximado de 90.000 euros.

Por último o Goberno local fai unha chamada de atención ós lucenses para que sexan conscientes de cal é o Partido Popular que representa Jaime Castiñeira.