O Goberno local leva gastado o 48,52% dos 150.000 euros que adica este ano o Concello de Lugo a emerxencia social
A Concelleira de Servizos Sociais, Ana González Abelleira, considera sorprendente a desfachatez do Partido Popular de Lugo e desminte os datos que facilitou onte ós medios de comunicación a edil Mari Teijeiro.
O mesmo partido que fai todo tipo de recortes nos dereitos sociais das persoas, tanto desde o Goberno central como desde a Xunta de Galicia, ten a desfachatez de vir darnos leccións ós que non sacrificamos investimentos na atención das persoas menos favorecidas e mesmo suplimos o que non fan os Gobernos do PP, declarou a Concelleira de Servizos Sociais.
O gasto que leva realizado o Concello de Lugo en emerxencia social é de 72,775,56, que representa o 48,52% do orzamento destinado á emerxencia, segundo informou Ana González Abelleira. Este é o gasto a día de hoxe, 19 de xullo, cando aínda falta por decretar o pagamento de emerxencia correspondente á segunda quincena do mes de xullo.
Por outra parte, a Concelleira explicou que o programa de emerxencia social non é un programa destinado a regalar cartos, senón que ten como obxectivo apoiar aquelas persoas afectadas por un estado de necesidade co fin de paliar ou evitar situacións de marxinación, mentres non se xestionen outros recursos e prestacións de carácter periódico e estable.
Matizou tamén que o que se persigue con este programa é favorecer a volta a unha situación de normalidade e explicou que, en calquera, caso as axudas correspondentes ó programa de emerxencia social deben ir acompañadas das actuacións tendentes a evitar a repetición da situación e de que esta se faga crónica.
A Concelleira de Servizos Sociais aclarou, asimesmo, que gastar máis en emerxencia social non significa automáticamente facer mellor as atencións, xa que a efectividade do traballo social mídese polas resolucións ás demandas presentadas e pola búsqueda de recursos e alternativas que permitan ás familias voltar a unha situación de normalidades.