Miguel Fernández defendeu a necesidade dunhas novas infraestruturas, pois o centro actual, situado nos baixos de dous edificios, conta con barreiras arquitectónicas

O Pleno Ordinario deste xoves aprobou por unanimidade a proposición do grupo municipal socialista para esixir á Xunta de Galicia que realice as xestións pertinentes para a construción dun novo centro de saúde no barrio do Sagrado Corazón, recollendo as reivindicacións dos usuarios e dos profesionais do actual centro de saúde, que foi inaugurado hai máis dun cuarto de século.

O voceiro municipal, Miguel Fernández, defendeu a neceside dunhas novas infraestruturas sanitarias neste barrio pois o centro actual, situado nos baixos de dous edificios, conta cunha serie de barreiras arquitectónicas, o que provocou que se habilitaran consultas preto da porta pola imposibilidade dalgún paciente de acceder á súa.

Fernández explicou que “o Concello ten a vontade de poñer a disposición do SERGAS os terreos necesarios para que este barrio conte cos servizos sanitarios adecuados para dar un servizo digno e de calidade aos veciños e veciñas”. Neste senso, o edil lembrou os reiterados intentos do Concello de levar a cabo a construción de tan demandada infraestruturas en xuntanzas con responsables de Sanidade e do Sergas, chegando a asegurar o xerente da área integrada do Sergas que existían fondos dispoñibles para o centro.