A reprobación de Rocío Mosquera recibiu 13 votos a favor do PSOE e do BNG fronte aos 12 en contra do PP

O Pleno do Concello de Lugo declara persoa non grata á Conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, pola súa discriminación continuada aos lucenses a quen nega os servizos de Hemodinámica as 24 horas, Radioterapia e Medicina Nuclear. Ademais a Conselleira afirmou durante a súa visita ao Hospital Universitario Lucus Augusti que este centro non precisa do servizo de Hemodinámica as 24 horas do día.

A reprobación chega pola iniciativa presentada polo Grupo Municipal Socialista na que instaba ao Pleno do Concello de Lugo a declarar persoa non grata a Rocío Mosquera. Na sesión plenaria tamén interveu José Manuel Carballo, coordinador da plataforma cidadá da ILP a favor dos servizos de Hemodinámica 24 horas, Radioterapia e Medicina Nuclear, quen expuxo a situación de discriminación dos lucenses polas reiteradas negativas da “conselleira da morte”, segundo as súas palabras.

Durante o debate da proposición, o Alcalde de Lugo, José López Orozco, declarou que os lucenses “non queremos máis pero tampouco menos que o que nos pertence e nos deben por dereito”. López Orozco criticou a actitude do PP de Lugo e, nomeadamente do seu voceiro no Concello, Jaime Castiñeira, quen actúa como “palmero” de quen nega os dereitos de tódolos lucenses.