Unha das emendas rexistradas polos populares ás contas autonómicas implica eliminar dita partida, consignada para as obras do auditorio, e aplicala ao plan Urbe

“¿Onde está Castiñeira? ¿Que lle fixemos os lucenses ao Partido Popular? Que no lo expliquen dunha vez”, subliña o grupo municipal socialista, que esixe á Xunta manter este financiamento no concello

O grupo municipal do PSdeG denunciou este xoves que o Partido Popular “carga de novo contra os lucenses” ao pedir que lle quiten á cidade 4,1 millóns de euros nos Orzamentos da Xunta. Iso foi o que fixeron os populares, “co consentimento dos seus concelleiros en Lugo”, ao rexistrar unha emenda ás contas autonómicas que implica eliminar unha partida de 4.107.875 euros, consignada para as obras do auditorio, e aplicala ao financiamento do plan urbanístico Urbe.

Ante este “novo e inxustificable castigo a Lugo”, os socialistas pregúntanse “unha vez máis, ¿onde está Castiñeira? ¿Defende os intereses dos veciños ou os dos seus xefes de Santiago? ¿Que lle fixemos os lucenses ao Partido Popular e á Xunta para que nos discriminen desta forma? Que no lo expliquen dunha vez”. O PSdeG recomenda a Castiñeira que “deixe o partidismo e mire máis polos veciños. O seu partido non llo compensa politicamente e segue estando no mesmo lugar que dende hai 16 anos: na oposición”.

Rectificación inmediata
Os socialistas esixen así mesmo ao Partido Popular que “rectifique de inmediato” e que a Xunta dedique a devantida partida a Lugo para cumprir “algún dos numerosos compromisos que ten pendentes coa nosa cidade dende que Feijóo entrou no Goberno, como o servizo de Hemodinámica 24 horas no HULA, as dotacións para o barrio da Residencia, o Museo da Romanización, a construción da Ronda Leste ou o financiamento para a estación intermodal, que o Goberno de Feijóo si contempla para todas as grandes cidades galegas, menos para Lugo”.

Este recorte nos orzamentos da Xunta para Lugo en máis de 4 millóns de euros agrava o descenso dos investimentos que o Goberno galego xa tiña planificado na provincia, pois é na que máis cae o gasto por habitante e na que máis baixan os investimentos globais.