Luis Álvarez denuncia que Castiñeira está fóra de ordenación e ten por costume falsear a realidade
O Voceiro do Grupo Municipal Socialista, Luis Álvarez, amosou hoxe a súa perplexidade pola desfachatez que amosa o Partido Popular que non ten reparo en poñerse en evidencia, de novo, no tema das construcións fóra de ordenación. Luis Álvarez avaliou así o feito de que o PP preguntara este mércores sobre un asunto despois de opinar sobre el días atrás.
O Partido Popular tardou catro días desde que lle mentiu á prensa ao asegurar que o Concello de Lugo bloquea a regularización destas construcións ata que se decidiu a pedir os datos das solicitudes de declaración de construcións en situación de fóra de ordenación.
O Voceiro do PSOE manifestou que os lucenses sabemos que no Partido Popular non teñen pudor en falar primeiro e preguntar despois pero, aínda así, resulta asombroso que teimen deste xeito en poñer en evidencia deste xeito tan palmario as súas vergonzas.
Jaime Castiñeira e a súa xente si que están fóra de ordenación, ironizou Luis Álvarez, para quen a única explicación posible da tardanza na petición de información sobre este asunto é que o PP mantén unha estratexia política tan pueril como malintencionada baseada na teoría de que unha mentira repetida machaconamente se transforma automaticamente en verdade.
O Voceiro do Grupo Municipal do PSOE lembrou que Castiñeira ten o infantil costume de falsear a realidade como fixo, por exemplo, hai uns días cando asegurou que baixan os ingresos por venda de entradas da Rede de Museos Municipais, obviando o feito de que o acceso aos distintos museos é gratuíto.