A proposta dos socialistas, o Pleno demandará á Xunta e ao Ministerio de Fomento que atenda estas reiteradas demandas da veciñanza de Lugo

O Pleno tamén esixiu á Xunta que aplique unha redución nos prezos no aparcadoiro do HULA, tal e como fixo no novo hospital de Vigo

O Partido Popular foi o único grupo político que se opuxo no Pleno celebrado este luns aos acordos adoptados pola Corporación Municipal ante dúas propostas socialistas para mellorar os servizos ferroviarios e as infraestruturas educativas na zona sur da cidade.

Neste senso, a instancias do Grupo Municipal Socialista, o Pleno, cos votos en contra do PP, aprobou instar á Consellería de Educación a crear de xeito inmediato un colexio de primaria na zona sur de Lugo para aumentar as prazas de escolarización desta zona e poder atender a todas as demandas das nais e pais. Ademais, esta proposta incluía a planificación da construción dun instituto de secundaria nesta mesma zona para atender as necesidades dos próximos anos.

Esta situación está a ter unhas graves consecuencias para os pais e as nais. “Cómpre lembrar que os nenos están en colexios fóra da súa área de influencia, provocando problemas de conciliación da vida familiar e laboral e vulnerando o dereito que teñen a elixir o colexio dos seus fillos e fillas dentro da zona onde viven”, destacou o Concelleiro de Educación e Infraestruturas Urbanas, Manuel Núñez.

Servizos ferroviairos

O Pleno tamén aprobou, a pesar dos votos en contra do PP, instar á Xunta e ao Ministerio de Fomento a que doten de partidas orzamentarias para a posta en marcha da estación intermodal, de cara a impulsar os servizos ferroviarios na cidade de Lugo, nos mesmos termos que o está a facer noutras cidades de Galicia. Para elo, o Concello de Lugo vaise adherir ás reivindicacións da Plataforma veciñal Lugo… non perdas o tren, posta en marcha pola Federación de Asociacións de Veciños.

“Nos Orzamentos da Xunta para o ano 2016, Lugo é a única das cidades galegas nas que non existe partida orzamentaria algunha para investir nunha estación intermodal. A Coruña, Santiago, Vigo e Ourense si ven reflectidas inversións para estacións intermodais neses orzamentos, para Lugo nin un só euro”, subliñou o voceiro municipal.

Deste xeito, Miguel Fernández lamentou que “somos, con diferenza a capital de provincia galega peor conectada co resto do territorio, tanto galego como español, contando soamente con algunha conexión con Madrid, con Barcelona, media distancia con Ourense, Monforte, A Coruña, Ferrol e moi pouco máis”.

Prezos no aparcadoiro do HULA

O Pleno tamén acordou a petición dos socialistas instar á Xunta a que adopte as medidas pertinentes para establecer unhas tarifas equitativas no aparcadoiro do HULA, tendo en consideración aqueles usuarios sensibles, como poden ser os acompañantes ou propios pacientes de longa duración ou enfermos crónicos, entre outros.

Así mesmo, esixirá unha negociación entre a Consellería de Sanidade e a empresa concesionaria do Servizo de aparcamento do HULA para a redución das súas tarifas, chegando incluso á gratuidade do mesmo durante os primeiros minutos de estancia, a semellanza do que fixo no novo hospital de Vigo.