Concepción Burgo lamenta que a intervención dos populares se basease en intentar xustificar a falla de vontade política do goberno galego, pois, segundo datos facilitados polo IGVS, en tan só dous anos só se executaron unha unidade edificatoria e seis vivendas
Considera que o argumento dos populares supón un insulto á intelixencia dos lucenses, sobre todo, porque a rehabilitación desta zona é esencial tanto polo impulso que ofrece ao centro histórico da cidade axudando a fixar poboación como ao crecemento da actividade económica
Denuncia que coa mesma lentitude se están a desenvolver as unidades de intervención, nas que se inclúe o pazo de Dona Urraca, que se atopa nunha lamentable situación, practicamente na ruína, e se non se toman medidas rápidas vaise perder irremediablemente
O Grupo Parlamentario do Partido Popular votou en contra da Proposición non de Lei presentada polo Partido Socialista para instar á Xunta de Galicia a tomar as medidas necesarias e impulsar decididamente o proxecto de rehabilitación da Tinería, así como a comezar o desenvolvemento da Unidade de Intervención número 8 neste ano, e na que se sitúa o pazo de Dona Urraca; un dos elementos arquitectónicos máis significativos do casco histórico e se atopa nun estado de degradación importante.
A deputada autonómica Concepción Burgo- lamenta que a intervención dos populares se basease en intentar xustificar a falla de vontade política do goberno galego, pois en tan só dous anos (26 de abril de 2012 e 1 de abril de 2014), segundo datos facilitados polo Instituto Galego de Vivenda e Solo, o goberno galego tan só executou unha unidade edificatoria (31 en 2012 e 32 en 2014), seis vivendas (69 en 2012 a 75 en 2014) e 3 locais de planta baixa (15 en 2012 e 18 en 2014).
O proxecto inicial tiña por obxectivo a rehabilitación de 44 unidades edificatorias e a xestión de dúas unidades de intervención. Con elo, estaba prevista a creación de 129 vivendas, 24 locais de planta baixa, 2 edificios de oficinas, un centro de día, unha gardería e un centro de documentación do Casco Histórico. Deste xeito, e segundo as mesmas fontes, das 44 unidades tan só se recibiron 32, quedando 12 sen desenvolver; das 129 vivendas previstas só se executaron 75, quedando 54 sen facer; e, finalmente, dos 24 locais de planta baixa, tan só foron recibidos 18.
Dado que Por todo elo, Burgo considera que o argumento dado polos populares foi un insulto á intelixencia dos lucenses, sobre todo, porque a rehabilitación desta zona, que se atopa dentro de murallas e conserva moitos valores arquitectónicos e históricos, é esencial tanto polo impulso que ofrece ao centro histórico da cidade axudando a fixar poboación como ao crecemento da actividade económica.
Paralización progresiva
O proxecto de rehabilitación deste barrio, que estaba en claro proceso de degradación urbana e de marxinación social, comezou a finais da década dos 90 da man da Xunta de Galicia, a través do Instituto Galego de Vivenda e Solo, pero foi coa chegada do actual goberno autonómico cando o seu desenvolvemento sufriu unha notable parálise. Proba delo, é que tal e como apunto a deputada socialista, nun principio o goberno de Feijóo dixo que o remataría en 2012, máis tarde ampliou o prazo a 2013 (segundo resposta parlamentaria dada en 26 de xaneiro de 2011) e, en 2014, o barrio segue a ter moitos edificios sen restaurar nunhas condicións totalmente degradadas. Hai moitos locais e pisos baleiros e o impulso emprendedor no barrio parece frearse precisamente polas condicións que aínda mantén a Tinería.
A este respecto, Concepción Burgo explicou que se pode entender que os comezos foron complicados e lentos, pero é máis difícil de comprender a clara ralentización que este proxecto está sufrindo nos últimos anos a pesar de que a Tinería está comezando a recuperar o seu uso residencial e comercial. Por isto, agora é máis necesario ca nunca o impulso de medidas de recuperación para non frear esta tímida colonización que veciños e empresarios están realizando sobre este barrio.
Situación crítica do Pazo de Dona Urraca
Coa mesma lentitude, indicou Burgo, estanse a desenvolver as unidades de intervención. Neste caso, o agravante aumenta porque nelas localízanse restos arqueolóxicos importantes. A deputada socialista referiuse concretamente á Unidade de Intervención 8, e na que se inclúe o pazo de Dona Urraca, que se atopa nunha lamentable situación, practicamente na ruína, e se non se toman medidas rápidas vaise perder irremediablemente, polo que, unha vez máis, Lugo vería desaparecer parte do seu patrimonio pola ineficacia e pasividade da administración que ten a responsabilidade de conservalo, sentenciou.
Asimesmo, concluíu manifestando que non cremos que os problemas económicos poidan xustificar este desleixo. Pódese entender que os proxectos se fagan máis lentamente, pero non que por non facer se perda patrimonio cultural da cidade; unha situación que, por certo, está sufrindo tamén o cuartel de San Fernando polo mesmo motivo: o total abandono da Xunta de Galicia das súas responsabilidades. Cremos que é necesario darlle un impulso real a rehabilitación do barrio da Tinería e que a Xunta de Galicia cambie radicalmente a súa actitude de abandono deste proxecto, afirmou.