“A inacción e a negativa da conselleira de Sanidade e de Feijóo son alarmantes cando falamos da saúde das persoas”, sostén a deputada socialista Concepción Burgo

“O servizo do HULA está aberto 35 horas á semana e 133 horas pechado, o 60% dos casos de infarto teñen que ser atendidos na Coruña”, manifesta

Santiago de Compostela, 29 de abril de 15. O Partido Popular rexeitou hoxe no pleno do Parlamento unha proposición non de lei dos socialistas galegos na que instaban ao Goberno galego a aceptar o ofrecemento do presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, de que sexa a institución provincial a que financie o servizo hemodinámica 24 horas no Hospital de Lugo.

“A inacción e a negativa da conselleira de Sanidade e de Feijóo son alarmantes cando falamos da saúde das persoas”, afirmou a deputada socialista Concepción Burgo, que lembrou as demandas de colectivos veciñais, sindicatos, partidos políticos e cidadáns de Lugo. No debate da proposición non de lei na Cámara non estaba presente a conselleira Rocío Mosquera, pero si asistiron a vicepresidenta da Deputación de Lugo, Lara Méndez, e representantes da federación de veciños de Lugo.

“O servizo de hemodinámica no HULA está aberto 35 horas á semana e 133 horas pechado, o 60% dos casos de infarto teñen que ser atendidos na Coruña e os datos do INE reflicten que en Lugo 76 de cada 100.000 falecementos son por infarto, o dobre da media española”, asegurou Burgo.

A deputada socialista lamentou que “mentres o PP da explicacións falsas os lucenses morren, vostedes impiden que a Deputación de Lugo aporte os 100.000 euros ao ano necesarios para ter aberto o servizo as 24 horas, din non a esta posibilidade por intereses escuros”.

“Feijóo e o Partido Popular non só demostran que non poñen os servizos necesarios para a sanidade luguesa, senón que están impedindo que estos estean no Lucus Augusti agora que hai a posibilidade orzamentaria real de poñelos en marcha”, engadiu.

Burgo lamentou a “total insensibilidade e irresponsabilidade” de Feijóo cos veciños e veciñas de Lugo incumprindo as súas promesas reiteradas para implantar o servizo no Hospital lugués. Por último, instou ao presidente do Goberno galego a “deixar de mentir” ao afirmar que os especialistas non recomendan o servizo de hemodinámica as 24 horas, e advertiu que “tanto os socialistas galegos como os veciños e veciñas de Lugo vamos a seguir loitando polos nosos dereitos”.