Sonia Méndez lémbralle ó PP que o Interventor decidirá as condicións para o acceso ó documento solicitado

Tamén lle recorda que a información que piden consta nos Decretos de aprobación de facturas e gastos ós que teñen acceso os grupos políticos e que o PP forma parte tanto da Xunta de Compras como das Mesas de Contratación

A Concelleira de Economía recibiu unha solicitude de información do Partido Popular catro días despois de que varios concelleiros dese grupo se presentaran, sen previo aviso e sen ter feita ningún tipo de solicitude formal, no Servizo de Intervención.

A Concelleira respondeu hoxe por escrito a solicitude do PP que non recibiu ata o martes 24 de xullo.

Na súa resposta, a responsable de Economía reitéralles que, como xa lles explicou a funcionaria que os atendeu cando se presentaron nese departamento municipal o venres día 20, “se lles indicarán as condicións nas que poderan acceder ó documento solicitado ó regreso do Sr. Interventor, que é o responsable do Servizo e que, nestes días, está a disfrutar das vacacións ás que ten dereito”.

Ademais, Sonia Méndez explícalles que “entretanto, dispón vostede da mesma información resumida que solicita, como xa lle informei por escrito con data 29 de xullo “nos Decretos de aprobación de facturas e gastos que periodicamente se veñen realizando ós grupos políticos e que, polo tanto, xa foi posta a disposición dos mesmos”.

Por último, a Concelleira de Economía indica na súa resposta que “por se fora necesario, tamén lle lembro que o grupo popular participa, con voz e voto, nas Xuntas de Compras e nas Mesas de Contratación que acordan ou propoñen todos e cada un dos gastos que se efectúan no Concello de Lugo”.