O voceiro local, Pablo Permuy, lembrálle a candidata do PP que o HULA xa ten unha unidade de atención, ao ser competencia da Xunta, pero está “carente de medios e persoal”.

Os socialistas reclámanlle á presidenta provincial popular que lle esixa ao seu partido, que goberna en Galicia, que reforce o servizo para ofrecer unha resposta adecuada aos nenos e as súas familias.

“Quen aspira a gobernar o Concello debe defender os intereses locais e non utilizar os recursos municipais para tapar a falta de xestión do Goberno galego”, denuncian.

A agrupación local do PSdeG lucense cre alarmante que a primeira promesa electoral concreta da candidata do PP, Elena Candia, sexa destinar fondos propios do Concello para atender as carencias do servizo de Atención Temperá, dependente da Xunta de Galicia, en Lugo.

Neste senso, o voceiro socialista, Pablo Permuy, denuncia que Candia tenta paliar a falta de recursos de medios e de persoal que a consellería de Sanidade destina a este servizo no Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) con investimento municipal, “cando as competencias son da Xunta de Galicia e non dos Concellos”. “Quen aspira a gobernar o concello debe defender os intereses locais e non utilizar os recursos municipais para tapar a falta de xestión do Goberno galego, só porque son da mesma cor política”, incidiu.

“Sería unha imprudencia por parte da administración local asumir aínda máis competencias da Xunta das que xa atende nestes momentos”, sostén, e lembra que os orzamentos municipais lucenses destinan cada ano máis de 13 millóns de euros en atender competencias impropias ante a inacción do Goberno galego na cidade, como son as garderías ou os comedores escolares, entre outros.

E evidente, incide Permuy, “que Candia admite coa súa proposta que existe un importante problema de atención para estes nenos e as súas familias que non é capaz de cubrir a unidade do complexo hospitalario lucense”. Polo tanto, di, “debemos esixirlle que actúe realmente con responsabilidade e, que en calidade de candidata, vicepresidenta del Parlamento e presidenta do PP provincial, reclame á Administración competente, a Xunta de Galicia, que reforce esta unidade no HULA para dar unha resposta adecuada á demanda existente, solicitude que xa expuxo a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, nun pleno municipal onde se debateu este tema”.

Así mesmo, lle insta a que pida á Xunta de Galicia que se replante o actual modelo de financiamento da rede de atención temperá para facilitar a formación dos profesionais e a consolidación de equipos, así como estudiar as necesidades de atención postemperá.