Ana Abelleira pídelle humildade a Ana Pontón “cando veña a Lugo a pasear” e lémbralle que se defende a cidade “aprobando orzamentos municipais, e non freándoos como fixeron no mandato pasado”.A nosa secretaria xeral do PSdeG de Lugo, Ana González Abelleira, deulle a noraboa ao BNG por sumarse a traballar polo modelo de cidade peonil e humanizada que deseñan e impulsan os Gobernos socialistas en Lugo desde hai 23 anos.

“Todas as accións suman, e cremos que é bo e positivo que o edil da área de Infaestruturas deste Concello, Rubén Arroxo, traballe desde a súa concellería nas obras incluídas no pacto de Goberno que a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, pechou co BNG neste mandato como a peonalización da Mosqueira, que o PSdeG levaba no seu programa electoral, e en moitos proxectos que atopou listos para executar pero que os nacionalistas frearon no mandato pasado coa súa negativa a aprobar os orzamentos”. “Falamos de obras como Quiroga Ballesteros ou o impulso da peonalización de Recatelo. Pero agora, que están no Goberno, xa saben da importancia de aprobar orzamentos municipais para defender os intereses e o crecemento de Lugo, o que aplaudimos”, incidiu.

Neste sentido, lembrou que foron os Gobernos socialistas os que deron os grandes pasos na peonalización do Casco Histórico comezada por García Díez, “e aí están, entre outras actuacións, o Plan Urban que desenvolveu o alcalde José Orozco, e as actuacións da rexedora Lara Méndez López no mandato pasado, pero que prosegue neste xa que acaba de presentar o proxecto Corazón Verde, que permitirá que todo o recinto amurallado sexa peonil para mellorar a calidade de vida dos seus residentes e dinamizar a vida social e económica da zona. En breve, ademais, presentará toda a transformación que permitirá peonalizar e humanizar á praza da Constitución”.

“Os socialistas temos e sempre tivemos moi claro o modelo de cidade de Lugo e, se a primeira gran transformación chegou da man de Orozco, a segunda ven da man de Lara Méndez, que foi quen tamén comezou xa no mandato pasado, coa seu proxecto de cidade verde, sostible e activa contra o cambio climático, co modelo de peonalización nos barrios, que agora se continúa, como non podería ser doutra maneira nun Goberno que teña ao fronte a rexedora”.

Ana Abelleira pediulle a Ana Pontón que, “cando veña a pasear pola cidade, o faga con maior humildade e non intentando patrimonializar o traballo e un modelo de cidade e de nova mobilidade que os Gobernos socialistas levan desenvolvendo desde hai máis de dúas décadas”. “Agora, que a súa formación ten a oportunidade de implicarse activamente neste modelo, que freou no mandato pasado por cuestións partidistas, pedímoslle que o faga pensando que a Lugo se ven a traballar con respecto e lealdade non a un partido, senón a toda a cidadanía”.