Cos orzamentos de 2014, a dereita de Feijóo condena a Lugo “á parálise e ó retroceso”: non prevé cartos para Radioterapia e Medicina Nuclear no HULA, elimina o Museo da Romanización e a rehabilitación do cuartel de San Fernando

A deputada autonómica Concepción Burgo denunciou que as contas da Xunta para 2014 certifican a freada do auditorio de Lugo e do Plan Paradai

Os deputados autonómicos do PSdeG-PSOE por Lugo fixeron este sábado unha primeira análise do Orzamento da Xunta para 2014, cos que, subliñaron,“a dereita de Feijóo agudiza o seu castigo a Lugo, ó manter paralizados ou directamente eliminar os proxectos vitais para o seu progreso”. “Feijóo anunciou que estes serían os orzamentos menos restritivos dende que entrou na Xunta e que nos conducirían ó inicio da recuperación. Vistas as cifras reais, non podemos dicir máis que mentiu, pois, por moito que traten de maquillar e vestir os datos, para a cidade de Lugo son unha decepción e unha condena á parálise e ó retroceso”, asegurou a deputada socialista no Parlamento Concepción Burgo.

A parlamentaria incidiu en que o Presidente da Xunta tivo hoxe unha boa ocasión para dar a cara e explicarlles ós lucenses “por que os deixa na estacada, negándolle oportunidades de desenvolvemento a unha cidade cun extraordinario potencial produtivo, sen ofrecerlle máis que resignación, autocomplacencia e desesperanza”.

Sen cartos para os servizos do HULA
A pesar das promesas do Goberno galego, o Orzamento de 2014 segue sen reservar cartos para dotar ó HULA de Radioterapia e Medicina Nuclear, pois, como explicou Concepción Burgo, “non aparece ningunha partida específica, nin sequera de investimentos en xeral para o hospital lucense. Na única consignación que poderían incluírse estes servizos é na denominada Diálogo Competitivo, pero os fondos previstos, de 2,6 millóns de euros, serían totalmente insuficientes para atender as necesidades dos outros hospitais galegos e a dotación de equipamento de Radioterapia e Medicina Nuclear no HULA”.

Desaparece o Museo da Romanización e a rehabilitación do cuartel de San Fernando
Por primeira vez, os presupostos da Xunta non recollen partida algunha para o proxecto do Museo da Romanización, nin tampouco para os traballos de rehabilitación do cuartel de San Fernando. Feijóo “ten abandonado por completo o patrimonio artístico de Lugo”, asegurou Burgo, pois tampouco figuran partidas “para manter a Muralla, Patrimonio da Humanidade”.

Freada para o auditorio de Lugo e o Plan Paradai
Aínda que a Consellería de Medio Ambiente asegurou nun comunicado este mesmo sábado que cos orzamentos de 2014 se lle daba “un impulso definitivo” ó auditorio de Lugo e ó Plan Paradai, “máis ben fan todo o contrario, certifican a freada ó que ten sometidos ambos proxectos”, indicou a deputada. Deste xeito, fronte ós 3 millóns de euros que a Consellería di que aumentou o presuposto para o auditorio, “a realidade é que só subiu en 700.000 euros, pois, nos orzamentos de 2013 tiñan pensado dedicarlle 7,4 millóns en 2014, e finalmente destinan 8,1”. A isto, súmaselle a drástica baixada que xa aplicaran este 2013, de 7 millóns de euros.

En canto ó Plan Paradai, “levan dous anos paralizándoo, pola súa falta de interese, a pesar de que traten, coma sempre, de buscar culpables fóra”. No orzamento de 2013, a Xunta prevía dedicarlle 3,2 millóns en 2014, e finalmente consigna 2,8, polo que a cantidade non é 7 veces maior, como di Medio Ambiente, senón só de 400.000 euros. En 2013 aplicaran unha rebaixa de 6 millóns de euros con respecto ó previsto.