Os socialistas fan un chamamento ás asociacións, partidos, veciños e veciñas da provincia para que acudan cunha bolsa da roupa ou unha pequena maleta o luns ás 17.00 horas para censurar os traslados a outras provincias dos afectados que precisan os servizos de Radioterapia ou Medicina Nuclear
O PSdeG-PSOE de Lugo convoca unha concentración diante do HULA o luns día 4 ás 17.00 horas con motivo do Día Internacional contra o Cancro. Os socialistas fan un chamamento ás asociacións, partidos políticos, veciños e veciñas da provincia para que se sumen á iniciativa e acudan cunha bolsa da roupa ou unha pequeña maleta, como símbolo de solidariedade cos afectados que teñen que trasladarse a outras provincias para recibir radioterapia ou ser diagnosticados con medicina nuclear. É un tema moi serio, trátase dunha cuestión prioritaria para todos e todos temos que estar xuntos nisto, non cabe outra cousa, afirman desde o PSdeG lucense.
Os socialistas lembran que uns 800 enfermos de cancro en Lugo teñen que desprazarse cada ano a outras provincias, como A Coruña, para recibir o tratamento de radioterapia. Moitas veces os desprazamentos son en grupos e a horas intempestivas, tendo que esperar a que todos os demais rematen o tratamento para regresar, cos conseguintes prexuízos para as persoas que sufren a enfermidade e os seus familiares. Ademais, o PSdeG insiste en que só cinco provincias españolas, ademais de Lugo, carecen deste servizo, e todas elas (Ávila, Palencia, Teruel, Segovia e Soria) teñen a metade e ata unha cuarta parte da poboación de Lugo. Os socialistas rexeitan a proposta da Xunta, que apraza a decisión e di que implantará este servizo cando renoven os equipos do resto de provincias de Galicia para que sexa máis barato, o que consideran un insulto aos veciños e veciñas de Lugo. Non somos cidadáns de segunda e non o imos permitir, advírtenlle ao Goberno galego.